Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

'Músicas a carón da Mosqueira' abre o martes 21 a programación do Lugo Cultural de 2014 cun concerto de clarinete e piano


# Xoves, 16/01/2014
Concertos de música clásica e galega, fotografía, danza, teatro e foros de debate completan as actividades presentadas por Basadre, García Herradón e Outeiro

Imaxe Asociada
‘Músicas a carón da Mosqueira’ abrirá o vindeiro martes, día 21 de xaneiro, o abano de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural para 2014, unha programa cultural estable e xa consolidado na capital luguesa que nesta nova edición contempla a celebración de diversos ciclos de concertos de música clásica e galega. O Festival de Teatro Universitario e o Encontro de Danza, así como os Cursos de Primavera e o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo son outras das citas destacadas que se manteñen este ano no marco do Lugo Cultural.

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o deputado delegado da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, presentaron este xoves un adianto da programación incluída no convenio Lugo Cultural 2014 e que conta con financiamento do Concello de Lugo, a Universidade de Santiago e a Deputación.

O concerto do clarinetista Joan Tormo, que estará acompañado ao piano de Antonio Ortiz, incluído no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, inaugurará o martes 21, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber, o programa Lugo Cultural 2014, co que se dá continuidade á ciclos e eventos xa consolidados na vida cultural da capital luguesa e que atenden a distintas disciplinas artísticas e áreas do saber.

A primeira entrega sonora de ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’ permitirá ao público achegarse a composicións musicais de Berg, Brahms, Brotons e Poulenc, interpretadas por Tormo e Ortiz. Este ciclo de música de cámara contempla seis concertos no primeiro semestre do ano. Catro das actuacións previstas están organizadas en colaboración coa Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes AIEenRUTa-Clásicos, que ano tras ano selecciona destacados intérpretes e grupos en distintos instrumentos.

Un concerto dedicado á memoria do violenchelista Paul Tortelier, a cargo de dous intérpretes da Real Filharmonía de Galicia, e outro de saxofón e piano, protagonizado por dous profesores do Conservatorio de Música de Lugo, pechan as actuacións programadas ata xuño en ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’, un ciclo que previsiblemente tamén traerá á capital luguesa á orquestra de Cámara da Universidade de Santiago.

O guitarrista Samuel Díaz Sierpes, o pianista Marc Heredia, o cuarteto de violín, viola e violoncello Francisco de Goya, o dúo de violoncello e piano formado por Thomas Piel e Enmanuelle Janisz, ademais de Marcos Mariño e Susana García, profesores de saxofón e piano, respectivamente, no Conservatorio de Música de Lugo, conforman a nómina de intérpretes de ‘Músicas a carón da Mosqueira 2014’

De xeito parello ao desenvolvemento deste programa de música de cámara, a Casa do Saber de Lugo acubillará o 28 de xaneiro e o 5 de febreiro os dous últimos concertos do ciclo ‘Beethoven. Sonatas para violonchelo e piano’. García Amigo e Buide del Real interpretarán o día 28 pezas de Beethoven, Haendel e Stravinsky, mentres que a música de Beethoven e Brahms, interpretada por Juanjo Díez e Genaro Fernández, volverá soar no mesmo auditorio o 5 de febreiro.

Lubicán e ‘Sons Creativos’

A sétima edición do ciclo Lubicán, a través do que se busca achegar ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos, comezará a súa andaina ao longo do mes de febreiro coa presentación do novo disco de aCadaCanto, ‘A Rosa d’Adina’, un traballo no que estes nomeados músicos galegos renden a súa particular homenaxe a Rosalía de Castro co gallo do 150 aniversario da publicación de ‘Cantares Gallegos’

A Quenlla tamén presentará o seu último traballo nesta nova edición do Lubicán, un ciclo que agarda contar este ano, entre outros artistas convidados, coa participación dalgunha nova formación musical luguesa. 

Nun plano musical diferenciado ao do Lubicán atópase ‘Sons Creativos’, un espazo de creación musical que aposta pola música de vangarda e pola súa difusión. Este programa, organizado polo Grupo de Creación Sonora da USC baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, chegará en 2014 á súa sexta edición.

Teatro, danza, fotografía e debate

O Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo, que este ano acada a súa vixésima edición, é outra das citas culturais xa consolidadas na capital luguesa, que terá no mes de abril unha nova entrega de representacións teatrais de calidade, ademais da presentación de novos proxectos e pequenas creacións.

Tamén en abril acadará especial relevancia a danza coa celebración do XII Encontro Universitario de Danza Contemporánea, un espazo de residencia e de traballo no marco do que distintas compañías universitarias de danza, internacionais e galegas, presentarán as súas respectivas propostas coreográficas ao público.

O Curso de Primavera da USC abordará na súa décima edición o concepto de violencia como aspecto transversal á cultura e á historia da humanidade. Este foro de debate, que atopa o seu escenario e tamén os seus promotores na Facultade de Humanidades, está aberto á participación de todo o público interesado, do mesmo xeito que o Maratón Fotográfico do campus de Lugo, que se celebrará en setembro.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova