Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Carmen Basadre presentou a XIV Mostra de Teatro Clásico de Lugo que este ano conta con varias novidades


# Venres, 17/01/2014
O programa inclúe oito representacións de obras no Auditorio municipal e traerá a Lugo a actores como Rafael Álvarez, El Brujo, ou Concha Velasco

Imaxe Asociada
Este ano rebaixouse o prezo da entrada dous euros sendo a máis alta de 10 euros ademais tamén se realizarán descontos para desempregados, xubilados, e menores de 30 anos

Un das novidades será a xornada adicada á danza clásica co espectáculo “Serán Clásico” e ademais tamén haberá unha versión do “Sueño de una noche de verano” para o público familiar


A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre presentou hoxe a 14ª Mostra de Teatro Clásico de Lugo que traerá á nosa cidade unha selección dos mellores espectáculos de teatro clásico e a actores de renome como Rafael Álvarez, El Brujo, que repite por segundo ano consecutivo, Concha Velasco ou Carmen Gallardo.

Esta edición ten como novidade o espectáculo Serán Clásico adicado á danza clásica e no que se interpretarán pezas de recoñecido prestixo como o Lago dos Cisnes, Coppelia ou o Quebranoces e que dos que forman parte destacados bailaríns da danza clásica española e internacional. Todas as funcións terán lugar ás 20.30 horas, agás o espectáculo para nenos e nenas, que terá lugar ás 16.30 horas.

Basadre salientou que “esta Mostra xa é un clásico nos circuitos teatrais de Galicia e incluso está recoñecida a nivel nacional” e explicou que “tratamos de traer as mellores compañias de teatro para que os veciños e veciñas, e tamén os visitantes, poidan desfrutar das mellores interpretacións en Lugo cunha ampla oferta teatral”.

Neste sentido, tamén anunciou que outra das novidades é que “se baixan os prezos das entradas pasando a ser a de maior prezo de 10 euros e se unifican as zonas B e C que terán un prezo de 8 euros e para o espectáculo infantil será de 5 euros”.  Ademais establécense bonos para as oito representación que custan entre 30 e 45 euros e algúns colectivos pódense beneficiar de descontos de 2 euros. Concretamente poden acceder a esta bonificación as persoas que estan no paro, os xubilados e os menores de 30 anos.

A venda anticipada de bonos faise ata o 30 de xaneiro no Centro de Interpretación da Muralla, na praza do Campo número 11. A venda de entradas faise tamén no CIM, en horario de luns a domingo de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 17.30 horas e unha hora e media antes de cada función no Auditorio Municipal.
 
O programa

A XIV Mostra de Teatro Clásico de Lugo comezará o venres 31 de xaneiro coa obra Hécuba de Eurípides, que poñerá en escena a compañía Pentación, baixo a dirección de Jose Carlos Plaza e coa interpretación de Concha Velasco.

O sábado, día 1 de febreiro, Espello Cóncavo representará Romano, dirixido por Lino Braxe e coa interpretación de Miguel Pernas, Manuela Varela e Xosé Vilarelle.

Para o martes 4 de febreiro está programada a representación de La mujer por fuerza de Tirso de Molina, a cargo da compañía Arte-Factor/ Brazo Doble, baixo a dirección de José Maya e cun plantel de actores formado por Alicia Rodriguez, Alex Tormo, José Bustos, José Carrasco, Alicia González, José Maya e Ana Alonso ou Iria Márquez.

Como novidade o xoves 6 de febreiro terá lugar Serán Clásico, un guiño ao outra disciplina artística como é a danza clásica e que conta no seu elenco con profesionais da danza a nivel internacional como Juan Miguel Hernández Delgado, Miguel Angel Ponte Mosteiro, José Luis Cibreiro, Ailen Ramos, Julia Méndez, Ana Serantes, e Rosalia Vázquez da Compañía Carballal Produciones. Eles interpretarán pezas do Quebrantanoces, ou do Lago dos Cisnes.

Por segundo ano consecutivo, Producciones El Brujo, encargarase de poñer en escena El Asno de Oro, de Lucio Apuleyo, o sábado 8 de febreiro. Rafael Álvarez, El Brujo, dirixe e interpreta esta obra que se interpreta por primeira vez en Lugo nun teatro pechado xa que a anterior vez foi en Mérida.

O domingo 9 de febreiro, a compañía Teatro de Fondo, escenificará o Sueño de una noche de verano, unha adaptación para o público infantil, a partir dos 7 anos, e familiar dirixida por Vanessa Martínez e coa actuación dos actores Mon Ceballos, Eva Higueras, Pablo Huetos, Pedro Santos e Maya Reyes, que presentarán un espectáculo ideal para coñecer o teatro e desfrutar del.
 
Donde hay agravios no hay celos de Francisco de Rojas Zorrilla, será a obra que representará a compañía Mephisto Teatro o mércores 12 de febreiro. Esta comedia dirixida por Liuba Cid conta cunha espectacular posta en escea con traxes de papel e cartón.

A Mostra rematará coa posta en escena de Celestina, la tragicomedia, de Ferando de Rojas, a cargo da compañía Atalaya. Este espectáculo conta coa dirección de Ricardo Iniesta e a interpretación con Carmen Gallardo, Raúl Vera, Silvia Garzón, Manuel Asensio, Jerónimo Arenal, Lidia Mauduit e María Sanz que farán por chegar aos sentidos dos espectadores.
 
Casting Hécuba

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, tamén anunciou que a compañía de teatro Pentación, busca un figurante para a posta en escea da obra Hécuba. As características son dun home de entre 18 e 20 anos, cunha estatura menor de 1,70 metros, que recibirá un compensación de 40 euros. Os interesados poderán apuntarse na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, entre o luns 20 e o venres 24 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas. A selección será a cargo da propia compañía de teatro.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova