Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo denuncia o paso atrás na protección das vítimas da violencia de xénero que supón a nova lei de Administración local


# Martes, 21/01/2014
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade advirte de que a nova lei deixa sen competencias ós concellos e acusa ó PP de crearlle continuos problemas ós cidadáns no lugar de dar solucións

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Os pisos do Concello de Lugo deron acubillo o ano pasado a dez mulleres vítimas de violencia de xénero e a tres menores

A Casa da Muller atendeu 1.200 mulleres e tramitou 4.000 consultas no 2012


A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, denunciou hoxe o grave paso atrás nas políticas de igualdade que supón a nova lei da Administración local, xa que impide ós concellos manter uns servizos dos que se benefician, por exemplo, as mulleres que son vítimas da violencia de xénero e os seus fillos.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade manifestou a súa preocupación e o seu total desacordo coa chamada lei para a racionalización e sostibilidade da Administración local, da que salientou que “supón un paso atrás sen precedentes, representa o desmantelamento dunha rede de centros e servizos que dan cobertura, por exemplo, ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero”.

González Abelleira lembrou que o ano pasado, o Concello de Lugo tivo acollidas nos pisos municipais dez mulleres e tres menores vítimas de violencia de xénero e no ano 2012 a Casa da Muller atendeu case 1.200 mulleres e tramitou case 4.000 consultas.

Ana González salientou que a nova lei “deixa o papel que temos os concellos en determinadas competencias no aire e supón o exterminio das políticas de promoción da igualdade de oportunidades en España”.

A responsable de Benestar Social e Igualdade enmarcou a nova lei no ataque que está a sofrir o Estado de Benestar desque goberna o PP cos continuos recortes en materia de servizos sociais, sanidade, educación e emprego que está a levar a cabo o Goberno.

Por este motivo, a Concelleira de Benestar Social considerou que “o PP está creándolle problemas ós cidadáns no lugar de darlles solucións e está facendo doblemente vítimas ás persoas que xa están a sofrir unha situación moi grave como é a violencia de xénero ó deixar ós concellos sen capacidade para actuar”.

En todo caso, González Abelleira anunciou que o Goberno local e a Casa da Muller “seguiremos dando a batalla para protexer estas persoas e que as mulleres máis vulnerables non queden desatendidas”.

A Xunta, desaparecida

“A Xunta dimitiu hai tempo das súas responsabilidades nesta materia pero nós imos seguir traballando, porque dispoñemos dos recursos económicos e dos servizos para seguir funcionando e porque defendemos a necesidade de actuar para protexer ás persoas máis vulnerables”, destacou a Concelleira de Benestar Social quen indicou que “a día de hoxe case non nos permiten nin pagar os periódicos para a Casa da Muller, mentres seguimos á espera de que a Xunta diga algo dunha vez sobre a aplicación desta lei e tempo tiveron porque se empezou falar dela en febreiro do ano pasado, publicouse en decembro e aínda non temos noticia de que a Xunta vaia facer algo”.

Mulleres atendidas polo Concello

A Casa da Muller atendeu durante o ano 2012 -último ano do que se dispón de estatísticas completas- un total de 1.187 mulleres, 100 máis que no ano anterior. Ademais, o total de consultas ás que se deu resposta foi de 3.942, das que máis de mil foron en persoa no propio centro, a maioría das mulleres que fixeron algunha consulta era residentes na zona urbana e delas 716 xa realizaran máis consultas noutras ocasións.

Das 1.187 mulleres atendidas, 887 aseguraron ter sofrido ou estar en risco de sofrir malos tratos algunha vez na súa vida.

No que se refire á tipoloxía das consultas realizadas, 1.461 foron do ámbito xurídico, 1.599 de ámbito social e 882 de ámbito psicolóxico.

Durante o ano 2013 pasaron polos pisos de acollida do Concello de Lugo dez mulleres, todas elas novas xa que as súas idades oscilaron entre 18 e 35 anos, a maioría -sete de dez- eran de nacionalidade española e algunhas delas con fillos, polo que nestes pisos tutelados atendéronse tres nenos menores de cinco anos.

A estadía media nestes pisos, que se empregan como residencia transitoria, foi de 45-50 días e o terceiro trimestre do ano foi no que máis mulleres foron atendidas nos pisos dos dispón o Concello de Lugo para dar acubillo a mulleres vítimas da violencia de xénero.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova