Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

As declaracións dos detidos polo caso Pokémon deixan claro que o Alcalde de Lugo non cobrou ningún soborno


# Luns, 17/02/2014
López Orozco foi vítima dun linchamento máis propio da Inquisición que dunha sociedade democrática como deixa en evidencia o que se coñece do sumario

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, manifestou hoxe, logo de facerse pública a parte do sumario que contén as declaracións das persoas imputadas na operación Pokémon que nelas queda en evidencia que “nin me teñen sobornado de ningún xeito nin farrapos de gaita e, por se fora pouco, ata hai quen dí que non son eu a quen apodan o cura”.

“Son un cidadán inocente que se viu sometido a un linchamento inmoral, máis propio da Inquisición que dunha sociedade democrática, polo único feito de ser o Alcalde de Lugo”, manifestou o Alcalde.

López Orozco destacou que “o contido do sumario que xa coñecemos nesta segunda entrega acredita o que xa se sabía, que non hai probas e non as pode haber porque nunca recibín ningún tipo de soborno nin de xeito directo nin indirecto, nin deixándomo nun muro, de ningunha maneira, nunca”.

López Orozco tamén se referiu ó feito de que o sumario se vaia coñecendo por partes e indicou que “sufrín dun xeito innecesario xa que, se as declaracións de imputados que se fixeron públicas o xoves pasado houberan salido cando se levantou o segredo do sumario do primeiro fascículo, este sufrimento sería menor, porque se cumple o que lles levo dicindo desde hai máis dun ano, eu son inocente”.

“Como é lóxico, só hai o único que pode haber, ningunha proba das graves acusacións das que fun obxecto”, dixo o Alcalde e remarcou que “non hai e non pode haber, porque nunca me pagaron absolutamente nada para favorecer a ningunha empresa”.

“Unha vez máis, como xa pasou no Caso Campión con Dorribo, só hai a palabra dun mentiroso que me quixo manchar co seu lixo pero, grazas a Deus, non o conseguiu e teñan vostedes por seguro que tan pronto sexa o momento será denunciado polos meus avogados”, anunciou o Alcalde en referencia ó empresario asturiano José Luis Álvarez. Este empresario modificou a súa declaración inicial no Xulgado para desdecirse e chegar a manifestar nunha nova versión que, segundo lle dixera outro imputado, pagábanlle ó Alcalde pola concesión do servizo da grúa, versión ésta que non só contradí o que Álvarez declarou inicialmente senón que tamén foi negado nas súas declaracións pola persoa aludida e por todos os outros socios da empresa concesionaria.

“Como lles dixen ó principio, o sumario acredita o que dixen desde o primeiro momento na miña defensa de tanta maledicencia. Son inocente e vai chegando o momento de que algúns me pidan perdón por todo o que levan dito de mín”, destacou o Alcalde.

López Orozco resaltou que “estou aquí por auténtica vocación, porque quero servir ós lucenses, desde a transparencia e a seguridade de que o Alcalde nunca vai aproveitar o seu cargo para enriquecerse ou para algo que non sexa estar ó servizo dos cidadáns”.

Ademais, o rexedor indicou que “a vida do Concello continúa con normalidade”e sinalou que ésta “nunca se paralizou, porque teño moi claro que por riba das miñas vicisitudes persoais hai unha cidade que depende, en parte, do traballo deste Equipo de goberno en favor da cidade para que, neste momento tan difícil, os lucenses teñan as menores penalidades posibles”.

O Alcalde tamén lle pediu ós xornalistas “que transmitan a miña gratitude ós cidadáns de Lugo polo seu apoio e pola enorme mostra de confianza que me levan dado durante uns meses que foron moi duros, como todos vostedes saben”.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova