Imprimir

O CONCELLO DE LUGO REXEITA A ANULACIÓN DO CONTRATO DO PROXECTO DA ESTACIÓN INTERMODAL


21/2/2014 O Alcalde denuncia a marxinación que supón para Lugo esta decisión e pregúntase se a Xunta era coñecedora dunha medida que se ocultou ó Concello desde 2012

O Concello de Lugo expresa a súa indignación coa decisión de Adif de anular o contrato do proxecto da estación intermodal e denuncia a marxinación que elo supón para Lugo.


O Alcalde, José López Orozco, amosou hoxe o seu total desacordo e oposición a esta  decisión que supón unha discriminación, ademais de un engano á cidade de Lugo.

López Orozco manifestou que está “francamente preocupado” e  destacou que o Concello rexeita esta medida que se coñece agora logo de mantela oculta dende outubro de 2012.

O Alcalde destacou tamén que “parece unha decisión unilateral do Ministerio de Fomento” e dixo que “non comprendemos que unha sola administración teña tomado esta decisión de xeito unilateral, tendo firmado como firmamos un convenio entre a Xunta, Adif, o Ministerio de Fomento e o Concello a non ser que a Xunta fora coñecedora da paralización deste proxecto”.

López Orozco tamén lembrou que a anulación do contrato mantívose oculto ós cidadáns e ó Concello a pesar de que o propio Alcalde lle preguntou á Ministra de Fomento, Ana Pastor, sobre a situación da alta velocidade a Lugo e o proxecto da Estación Intermodal na recente entrevista que mantivo con ela en Madrid. 

Nesa xuntanza, que tivo lugar na sede do Ministerio de Fomento o día 3 de decembro de 2013, tal e como se informou no seu día a Ministra comprometeuse co Alcalde a enviar a Lugo ós técnicos do seu departamento no mes de xaneiro deste ano para estudar a situación e o anteproxecto da Estación Intermodal.