Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo gáñalle o pleito a unha empresa que reclamou á administración local máis de 125.000 euros de responsabilidade patrimonial


# Luns, 24/02/2014
A empresa, que formou parte da UTE que construiu a ETAP, realizou traballos de reparación no período de garantía da obra e o Concello negouse a pagarlle as facturas que presentou

O Concello de Lugo acaba de gañar un pleito entablado por unha empresa que pretendía cobrar das arcas municipais máis de 125.000 euros por traballos realizados na nova Estación de Tratamento de Auga Potable.

A Xustiza rexeitou o recurso contencioso administrativo presentado pola empresa Sadyt contra a negativa do Concello a aboarlle as facturas que presentou e dalle a razón ó Concello neste pleito coa devandita empresa, que reclamaba das arcas municipais a cantidade de 125.196 euros.

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 desestimou as pretensións de cobrarlle ó Concello esa cantidade polos traballos que realizou a empresa para solventar os defectos detectados nas instalacións da ETAP durante o período de garantía.

O Concello negouse a pagarlle o importe desas facturas ó non recoñecer a débeda reclamada, xa que a institución municipal defendeu que a presenza da demandante nas instalacións foi para a realización das reparacións que tiña que realizar como consecuencia do período de garantía da construcción.

Para o Concello a empresa Sadyt tiña ese deber como integrante, xunto con Sacyr SA, da UTE adxudicataria do contrato polo que se construíron as instalacións da ETAP de Lugo, polo que foi requerida polo administración local, unha vez terminadas as obras, para solventar algúns defectos detectados nas instalacións construídas.

A sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo indica que “ao non probarse nin título que xustifique a actividade pretendidamente realizada, nin a realidade desta debe rexeitarse o recurso na súa totalidade” e imponlle á demandante o pago das custas.

Nos fundamentos xurídicos, a sentenza conclúe “unha falta de proba total e global sobre os traballos que se dín realizados por conta e en beneficio do Concello de Lugo en relación ao mantemento da ETAP”.

Tamén sinala que “non se considera acreditado que de ningún modo, de forma regular ou irregular se obrigase, conminase ou calquera outra fórmula que evoque coactividade de cara á empresa para a realización de nada diferente da solicitude de reparación de determinados defectos como consecuencia da execución do contrato de obra”.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova