Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Xustiza arquiva unhas dilixencias nas que estaba imputado o Alcalde de Lugo


# Xoves, 27/02/2014
O Concello de Lugo felicítase pola decisión xudicial de arquivar as dilixencias polo reparto da produtividade de 2010 que denunciara a asociación Alpul

 O Xulgado de instrucción número 1 notificou hoxe este auto que supón a segunda desimputación de López Orozco, logo da do caso Campión


O Concello de Lugo felicítase pola decisión do Xulgado de instrucción número 1 de arquivar as dilixencias xudiciais nas que estivo imputado o Alcalde, José López Orozco, e nas que a Xustiza investigou o reparto do complemento de produtividade a funcionarios municipais.

O Concello de Lugo coñeceu esta tarde un auto, asinado pola xuiza de reforzo do Xulgado de instrucción número 1, Hortensia Bouso, no que se decreta o sobreseemento da causa, procedéndose ó arquivo destas actuacións, xa que “do actuado non aparece debidamente xustificada a perpetración do delicto que motivara a formación da causa”.

Esta decisión, que ten data de 25 de febreiro, coincide co criterio defendido tanto polo avogado do Alcalde de Lugo como pola Fiscalía, que se pronunciou en tres ocasións a favor do arquivo da denuncia contra López Orozco pola distribución da produtividade ó persoal do Concello en relación co Plan Xeral de Ordenación Municipal, ó non atopar ningún indicio de infracción penal. 

A Fiscalía pedira por primeira vez o arquivo destas dilixencias hai case dous anos e medio, en outubro de 2011.

Tanto a Fiscalía como a defensa do Alcalde sostiveron que López Orozco non cometera delicto ningún xa que o Concello de Lugo distribuiu o complemento de produtividade do ano 2010 “dacordo coa normativa legal e en atención ó traballo e adicación dos beneficiarios de tales cantidades”.

Estas dilixencias, que supuxeron a imputación do Alcalde de Lugo, abríronse como consecuencia dunha denuncia que presentou a asociación Alpul, segundo a cal López Orozco podería ter cometido un delicto de prevaricación na concesión de pluses de produtividade a tres funcionarios relacionados coa elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Esta é a segunda ocasión na que o Alcalde de Lugo queda libre dunha imputación xudicial, o que xa sucedera cando López Orozco lle fixo fronte as falsas acusacións de Jorge Dorribo no caso Campión, e o mesmo que, sen dúbida, acabará por acontecer coas outras dúas imputacións ás que se enfronta o Rexedor municipal de Lugo, tanto a operación Pokemon como a denuncia dun sindicalista.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova