Imprimir

O CONCELLO VOLVE CONVOCAR DE URXENCIA TRES CONTRATOS DE OBRAS PARA SUBSANAR UN DEFECTO NO PROCEDEMENTO


28/2/2014 A Xunta de Goberno reuniuse hoxe de urxencia para resolver un problema que se detectou o mércores 

 O Concello de Lugo celebrou hoxe unha sesión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno Local para tramitar por urxencia a contratación de tres obras e subsanar así un defecto de procedemento cometido na licitación destes proxectos. 


A Xunta de Goberno Local acordou na reunión celebrada esta mañá desistir dos procedementos anteriores e a convocatoria de nova licitación para a contratación das obras de construción dunha estrutura sobre o río Mera, a rexeneración de pavimento e renovación de servizos na Ronda das Fontiñas (treito Carril de Caiñós-Rúa San Xillao) e da rexeneración de pavimento en Rosende.

Nos tres casos, a tramitación farase pola vía de urxencia para minimizar no posible o retraso no comezo das obra, que se debe a que un funcionario municipal publicou no Perfil do Contratante os borradores e non os pregos que foran realmente aprobados para a anterior convocatoria. 

Esta situación, que se detectou este mércores, levou á convocatoria extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno Local para darlle unha solución o máis rápido posible e comezar de novo o procedemento, que se fará con tramitación urxente e por concurso aberto. 

Ademais, unha vez detectado o problema, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos pediu un informe sobre o sucedido e sobre as medidas que se poden adoptar para que unha situación coma esta non volva repetirse no futuro.