Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo esixe a construción da Estación Intermodal


# Luns, 03/03/2014
Pleno aprobou por unanimidade unha declaración que insta ó Goberno e á Xunta a non paralizar este proxecto prioritario para Lugo

 O Pleno do Concello de Lugo aprobou hoxe unha declaración institucional, que recibiu o respaldo dos tres grupos políticos que forman a Corporación local, na que insta ó Ministerio de Fomento a que reanude a execución do proxecto de creación da Estación Intermodal.

O acordo aprobado por unanimidade, a proposta do Goberno local, declara “a vontade clara e unívoca do Concello de Lugo para instar ó Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia a non paralizar un proxecto prioritario para o municipio de Lugo, que pretendía conseguir a modernización do transporte terrestre para toda a provincia, e dotar ós lucenses dunha maior interconexión por medio da Alta Velocidade Española”.

Por elo a Corporación de Lugo esixe “o cumprimento do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Lugo”.

A declaración comeza indicando que “como representantes institucionais e políticos do Concello de Lugo consideramos que o diálogo é a base da democracia descentralizada en diferentes órganos de goberno, e que a negociación entre institucións é o camiño para facer realidade os grandes proxectos”.

Deseguido lembra que “hai máis de tres anos, en concreto en agosto de 2010, o Ministerio de Fomento, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e o Concello de Lugo asinaron un convenio a tres bandas, no que se comprometían a elaborar de forma inminente a Estación Intermodal de Lugo, que reuniría nun mesmo espazo as conexións de autobús, Renfe e AVE”.

Tamén recorda que “a pesar de que o proxecto técnico tiña que estar rematado en setembro de 2013, tendo en conta o compromiso firme asumido pola actual Ministra de Fomento, a realidade é que a demora só puxo de manifesto a paralización unilateral do proxecto por parte de ADIF, entidade pública dependente do Ministerio de Fomento. De feito, aínda que se decretou a paralización no ano 2012 é agora, que expirou o prazo para a redacción do proxecto técnico, cando o Ministerio de Fomento recoñeceu que a Estación Intermodal de Lugo é un proxecto paralizado”.

O Concello de Lugo denuncia que “a suspensión da Estación Intermodal de Lugo supón a privación de facto da Alta Velocidade Española á cidade de Lugo, quedando previsiblemente como a única das grandes cidades galegas que non terá acceso á AVE, ademais de deixar totalmente obsoleta a estación de autobuses da capital lucense”. 

A Corporación local destaca que “o convenio foi un símbolo da concertación institucional, e clave para acadar a rexeneración urbana, a cohesión entre os barrios e o equilibrio da cidade”. 

“Por todo iso, e ante o trato discriminatorio que van recibir por parte do Goberno Central os cidadáns de Lugo, que se van ver privados dunha modernización claramente necesaria das infraestruturas de transporte” o Concello de Lugo defende, por unanimidade, que se reanude a execución do proxecto relativo á creación da Estación Intermodal. 

Outros acordos

A Corporación tamén aprobou por unanimidade unha proposta da Alcaldía, a instancia da Xunta de Voceiros, para felicitar ós Policías Locais por ter salvado a un rapaz que intentou lanzarse dende a Ponte das Saamasas.

O Pleno acordou, cos votos do PSOE e o BNG e coa abstención do PP, a declaración de Lugo como Concello libre de circos con animais, que foi proposta polo Bloque.

E a Corporación apoiou unánimente, tamén, á solicitude á UNESCO da declaración da Ribeira Sacra como ben Patrimonio da Humanidade.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova