Cargando....
Concello de Lugo
16/10/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de cen empresas optan a catro obras que sacou a concurso o Concello de Lugo


# Mércores, 05/03/2014
Luis Álvarez informou do proceso de contratración das obras de saneamento en Monte Adairo e Pía Paxaro, e pavimentación das rúas Mazaira e Vella da Ponte así do acceso de San Mamede dos Anxos

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O presuposto de licitación das catro obras, que sairon a concurso aberto, achégase ós 400.000 euros

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou hoxe que 114 empresas presentaron propostas ós concursos públicos para executar catro obras que ten en fase de contratación o Concello de Lugo. O presuposto total de licitación dos catro proxectos achégase ós 400.000 euros.

“Sen ningunha dúbida, estes datos demostran que as empresas confían no procedemento de contratación do Concello de Lugo, por máis que haxa quen se esforce en querer sementar dúbidas sobre as contratacións nesta administración”, destacou o Voceiro do Goberno Local. 

Álvarez explicou que, a última hora da mañá, reuniuse a Mesa de Contratación do Concello para a apertura das ofertas realizadas polas empresas participantes nos concursos libres convocados polo Concello para a execución dos seguintes proxectos: mellora da rede de saneamento nas rúas Monte Adairo e Pía Páxaro, rexeneración de pavimento na rúa Mazaira, pavimentación do acceso ó núcleo de San Mamede dos Anxos e rexeneración de pavimento na rúa Vella da Ponte. 

Para o primeiro dos proxectos, que saíu a licitación cun orzamento de 138.108 euros e un prazo de execución de tres meses presentaron oferta 43 empresas. Unha das firmas non presentou toda a documentación requerida polo que dispón de tres días de prazo para a subsanación de erros.

No caso da obra de rexeneración de pavimento na rúa Mazaira, o presuposto de licitación é de 89.515 euros, o prazo de execución de dous meses e o número de empresas que se presentaron son 26.

Para realizar a obra de pavimentación do acceso ó núcleo de San Mamede, o Concello recibiu 23 ofertas de emrpesas. Esta obra dispón dun presuposto de licitación de 86.814 euros e ten un prazo de execución dun mes.

No caso da obra de rexeneración de pavimento na rúa Vella da Ponte son 22 as empresas que se presentaron. O presuposto é de 81.361 euros e o prazo de execución, de dous meses. 

Nestes tres proxectos, as distintas ofertas pasan agora ó proceso de avaliación polos servizos técnicos municipais. 

Tamén está en fase de contratación, por procedemento aberto, a contratación de subministración de emulsión bituminosa para o mantemento de toda a rede de camiños municipais mediante acordo marco, “un procedemento moi exitoso posto en marcha pola Concellería de Infraestruturas e Medio Rural que permite adxudicar por unha cantidade fixa anual os materiais para facer arranxos nas vías municipais”, manifestou o Voceiro do Goberno local.

Neste caso, o presuposto de licitación é de 70.000 euros ó ano, adxudicarase por un ano o coa posibilidade de prorrogalo ata un máximo de tres  e presentaron oferta dúas empresas, unha das cales deberá subsanar erros. 

Acordos do Goberno

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe unha proposta para a modificación parcial da actual Ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar. O obxectivo desta modificación é adaptar a normativa do Concello de Lugo ó contido do Decreto da Xunta polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia.

Esta modificación é de tipo técnico e vén motivada pola decisión do Goberno central de reducir a tres os graos de dependencia que se avalían para a prestación deste servizo e, aínda que está pendente de cuantificar a cantos usuarios perxudicará, suporá un novo “repago” deste servizo de axuda no fogar para moitas persoas dependentes.

Na área de Urbanismo, a Xunta de Goberno tamén aprobou a declaración en situación legal de fóra de ordenación de oito locais, construcións e inmobles situados na rúa do Teatro, na rúa de Garaballa de Arriba, na Tolda de Meilán, As Regas-Carballido, Pondelo-Carballido, Muxa de Abaixo, Corvelle da parroquia de San Vicente de Coeo e no camiño de Casas Novas-As Areeiras.

Ademais aprobouse unha licenza de instalación e apertura dun obradoiro artesanal de pasta seca e cervexa na rúa Rof Codina.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova