Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reúnese en Lugo


# Martes, 11/03/2014
Persoal das administracións socias revisa nestes encontros as actividades de sensibilización dispoñibles para 2014 e a andaina dos proxectos en países do Sur

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Ana González Abelleira, anuncia que mañá celebrarase en Lugo unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que convocou para este semestre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O Concello de Lugo, que é socio da entidade, será este mércores, 12 de marzo, o anfitrión dun encontro que reúne ao persoal técnico das administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poderán implementar ao longo de 2014. A cita será ás 10.30 horas no Centro de Convivencia ‘Uxío Novoneyra’.

Entre o 4 e o 12 de marzo desenvólvense estes foros nos Concellos de Santiago de Compostela, Oleiros, Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra. A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen administración locais e provinciais socias. Cada quen escolle a cal reunión acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos municipais.

Nas xuntanzas, a Secretaría Técnica do Fondo Galego infórmalles sobre o estado da asociación, dos proxectos no exterior e das actividades dispoñibles. Neste senso, prestarase especial atención ao Plan 2014, que reedita fórmulas de éxito como o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Entre as novidades que se ofertan, destacan os obradoiros de fotografía ou os encontros dixitais #Alén2015.

Tamén se exporá a segunda fase da iniciativa Networking for Developement, onde o Fondo Galego participa como referente para promover as redes de cooperación descentralizada en Europa, e supervisaranse os proxectos de cooperación promovidos canda ONGD galegas en Mozambique, Cuba e El Salvador. Realízase así un exercicio de transparencia e rendición de contas, amais de facilitar un meirande aproveitamento das diversas posibilidades para introducir na vida local unha visión global do mundo en que vivimos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova