Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As obras do Vello Cárcere rematarán, como estaba previsto, en 2015


# Mércores, 12/03/2014
Os traballos da primeira fase reanudaranse en breve

O Centro cultural do Vello Cárcere contará cunha ventá arqueolóxica para amosar os restos dunha cámara funeraria, dacordo coas recomendacións do Servizo de Arqueoloxía

O Concello de Lugo está en condicións de anunciar que próximamente se reanudarán as obras pertencentes a primeira fase do proxecto de rehabilitación do Vello Cárcere para transformalo nun Centro cultural.

Como é sabido, as obras da primeira fase estaban paralizadas por mor das dificultades económicas dunha das empresas da ute que se fixo coa adxudicación.

Logo dun proceso de negociacións, o Concello xa pode anunciar que outra empresa farase cargo nas próximas semanas dos traballos pendentes desta primeira fase das obras, que estarán rematadas, como se dixo no seu día, o ano que vén.

O Concello aproveita para tranquilizar tanto ó Partido Popular como ós cidadáns de Lugo respecto da finalización do proxecto, xa que non corre perigo ningún a subvención económica para realizar esta ambiciosa obra municipal.

Para o Goberno local resulta sorprendente que ó Partido Popular lle preocupe só a marcha das obras que executa o Concello de Lugo e que non amose nin por asomo a mesma sensibilidade para con outras actuacións comprometidas e non realizadas por administracións como a Xunta de Galicia ou o Goberno central.

Resulta canto menos chocante a indolencia do Grupo municipal do Partido Popular respecto de actuacións como poden ser a creación dun Centro da Romanización no Cuartel de San Fernando ou o Plan Paradai, proxectos que dormen o sono dos xustos nalgún caixón da Xunta de Galicia.

O Goberno local e os lucenses esíxenlle ó PP que explique se elo se debe  a que pon os seus intereses partidarios por riba dos intereses de Lugo e dos lucenses.

Como é sabido, a rehabilitación do Vello Cárcere é un proxecto que desenvolve o Concello de Lugo ó abeiro do Plan Urban, que cofinancia ó 80% a Unión Europea a través do FEDER, e que tamén conta con achegas de fondos municipais e da Deputación provincial.

Restos arqueolóxicos

O Goberno local aproveita para lembrar que no futuro Centro cultural do Vello Cárcere os lucenses teremos a oportunidade de contemplar outro tesouro arqueolóxico  atopado na zona, consistente nunha cámara funeraria que os arqueólogos consideran de grande interese.

Para elo o Concello elaborou un proxecto consistente na instalación dunha ventá arqueolóxica que deixará á vista esa cámara funeraria, que, segundo consideran os arqueólogos municipais, son os restos máis notables aparecidos na zona.

Deste xeito, o Goberno local segue, como fai sempre, os criterios e indicacións dos técnicos do Concello, neste caso do Servizo municipal de Arqueoloxía que propuxo a exposición a través dunha ventá arqueolóxica da cámara funeraria e a conservación baixo terra doutros achádegos de menor interese arqueolóxico aparecidos na zona, ó tratarse de estruturas moi simples e que están moi danadas.

O Concello de Lugo considera tan inxusto como asombroso que alguén pretenda poñer en cuestión o traballo e as decisións tomadas polos arqueólogos de dúas administracións, xa que as propostas dos arqueólogos municipais foron respaldadas polos responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia.

O Goberno local pregúntase se realmente alguén cré que os arqueólogos do Concello e os da Xunta de Galicia non están interesados en sacar á luz e preservar os tesouros arqueolóxicos de Lugo.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova