A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, presentou a 14º tempada do Teatro Grecolatino que se vai a celebrar en Lugo entre os días 24 e 26 de marzo e que achegará a preto de 4.000 alumnos de centros de secundaria de toda Galicia, Asturias e León.
Esta é a actividade cultural que máis alumnos move en toda España, xa que a asistencia media é de 60.000 alumnos. No caso de Lugo xa están confirmada a asistencia de preto de 4.000 alumnos pertencentes a máis de 90 centros de toda Galicia e das provincias limítrofes como León ou Asturias.
Esther Muñóz salientou “que é unha actividade moi importante para a cidade xa que en tres días congrega a preto de 4.000 estudantes de entre 15 e 17 anos que ademais de visitar outros atractivos da cidade tamén os divulgan nos seus lugares de orixe”. Neste sentido tamén se referiu a que a única cidade de Galicia na que se desenvolve este festival é Lugo, por ser a cidade romana máis importante e por ter a Muralla o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade.
A Mostra de Teatro Grecolatino, organizada pola asociación Prósopon, a sección galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos e o Concello de Lugo, ten como obxecto achegar o teatro aos mozos e mozas de Educación Secundaria e Bacharelato, a través do estudio previo dos textos e a posterior asistencia ás representacións. Esta asociación naceu no ano 2003 composto por membros como Lugo, Tarragona, Zaragoza, Euskadi, Baleares, Sagunto, Clunia (Burgos), Mérida, Baelo Claudia (Cádiz) e Itálica (Sevilla), e máis tarde uniuse Málaga.
O Programa do FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO 2014 que se levará a cabo no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, é o seguinte:
Día 24 de marzo, luns
12:00 HIPSÍPILA, DE EURÍPIDES, grupo Komos, (Valencia)
17:00 AULULARIA DE PLAUTO, grupo Noite Bohemia, (A Coruña)
Día 25 de marzo, martes
12:00 CÁSINA DE PLAUTO, Grupo Noite Bohemia (A Coruña)
17:00 ANFITRION, DE PLAUTO, Grupo Noite Bohemia (A Coruña)
Día 26 de marzo, mércores
12:00 TROYANAS DE EURÍPIDES, Grupo El Ruiseñor (A Coruña)
17:00 ASAMBLEÍSTAS DE ARISTÓFANES, Grupo El Ruiseñor (A Coruña)