Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello xa asinou dous convenios para facerse cos terreos que lle cederá á Xunta con destino á construcción do novo colexio do Sagrado Corazón


# Mércores, 19/03/2014
Luis Álvarez lamenta que a Xunta garde nun caixón o proxecto de creación do Centro da romanización de Lugo co aplauso de Castiñeira mentres inaugura infraestruras culturais noutros lugares de Galicia

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Concello de Lugo xa asinou dous convenios para facerse cos terreos necesarios para a construcción dun novo colexio no Sagrado Corazón, segundo anunciou hoxe o Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez.

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente explicou que o Alcalde asinou o pasado luns os convenios con dous dos nove propietarios de terreos que se facilitarán á Xunta para construir o novo centro escolar no barrio do Sagrado Corazón.

Luis Álvarez detallou que os trámites que leva a cabo o Concello xa fructificaron con dous propietarios e o resto xa copia dos documentos facilitados pola Administración local para que se asesoren antes da sinatura dos convenios.

“Dous deles xa asinaron e esperamos que tamén o fagan dentro de poucos días os sete que faltan e, a partir dese momento, o Concello poñerá a disposición da Consellería de Educación a totalidade dos terreos necesarios para a construcción do novo colexio no Sagrado Corazón”, explicou o Voceiro do Goberno local.

Luis Álvarez recordou que, inicialmente, a Consellería de Educación solicitáralle ó Concello 8.000 metros cadrados e, de súpeto, o mesmo día da visita efectuada polo Secretario xeral técnico da Consellería “se nos dixo que precisaban 10.000 metros, é dicir 2.000 máis, para atender futuras ampliacións no caso de que foran necesarias e, diante desa petición o Concello, lonxe de buscar motivos de conflito, buscou solucións para atender todas as necesidades de superficie reclamada pola Xunta”.

Cuartel de San Fernando

O Voceiro do Goberno local tamén lamentou hoxe o abandono ó que a Xunta ten sometida a cidade de Lugo, do que é boa proba o que sucede co proxecto do Centro da romanización, que mantén gardado nun caixón, mentres inaugura cada semana infraestruturas noutros lugares de Galicia. 

“A Xunta de Galicia inaugurou o sábado 8 de marzo, o Centro de interpretación da cultura castrexa de San Cibrao de Lás, na provincia de Ourense, e unha semana despois, o sábado 15 de marzo, inaugurou o Auditorio de Ferrol, así que a mín gustaríame anunciarlles que o sábado 22 de marzo, vai inaugurar o Centro de interpretación da cultura romana no Cuartel de San Fernando de Lugo pero, lamentablemente, elo non vai ser posible a medio prazo, entre outras cousas porque Jaime Castiñeira sempre lles dá os parabés por non facer nada neste Concello”.

Luis Álvarez explicou que mentres a Xunta segue sen afrontar o seu compromiso de construir o Museo da romanización vai a máis o deterioro do Cuartel de San Fernando e o Concello vese na obriga de asumir a responsabilidade de evitar no posible o deterioro deste edificio que foi declarado Ben de Interese Cultural polo Goberno galego. Neste sentido, salientou que a empresa municipal Evislusa xa comezou o estudo de avaliación do estado de conservación do Cuartel de San Fernando.

Abastecemento de Montero Ríos

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente tamén explicou, a preguntas dos xornalistas, que as obras de renovación do abastecemento de auga a Montero Ríos non poden adxudicarse vulnerando a lei como parece pretender o Partido Popular.

Luis Álvarez explicou que o PP coñece perfectamente, porque está na oposición pero aínda así dispón de representación na Mesa de contratación do Concello, que dúas das empresas aspirantes a realizar a obra ofreceron presupostos económicos que poden estar incursos en baixa temeraria. Por este motivo, o Concello tivo que ofrecerlles o prazo de tempo legal para xustificar as súas ofertas, tal e como establece o procedemento administrativo.

“Se o señor don Ángel Trabada considera que o Concello debe vulnerar a lei que o diga con claridade”, instouno Luis Álvarez, quen se preguntou se o Concelleiro do PP ten algún interese en particular neste caso ou é que descoñece cómo funcionan as mesas de contratación a pesar de formar parte delas.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente tamén explicou que o futuro dos contratos da Potabilizadora e a Depuradora está condicionado polo modelo de xestión do ciclo da auga que ten que modificarse logo de que a nova Lei de administracións locais impida a creación da proxectada Empresa mixta. 

Unha vez que o Concello viuse obrigado a desistir deste proxecto, é necesario facer un novo expedente e, mentres tanto, como é lóxico está obrigado a seguir aboando as facturas correspondentes para que siguan funcionando a ETAP e a EDAR, é dicir para que os veciños de Lugo dispoñan de auga potable e para depurar as augas residuais que se verten ó río. 

Acordos da Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local acordou hoxe a incoación dun expedente de incautación de 17.059 euros da garantía á empresa contratista das obras de renovación de cuberta no Edificio administrativo municipal do Seminario. 

Esta decisión é consecuencia de que a empresa non ingresou ese importe en concepto de danos e perxuizos ocasionados ó Concello por unha inundación causada nas dependencias municipais no ano 2009, o que, ademais de causar danos, provocou a perda dun día de traballo do persoal municipal, tal como recoñeceu unha sentenza que lle deu a razón ó Concello.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova