Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os Concellos de Lugo e Monforte forman un eixo en defensa do AVE


# Xoves, 20/03/2014
Os alcaldes das dúas cidades reuníronse hoxe en Lugo a instancias do PSOE que pide a mobilización de todas as institucións para evitar unha nova marxinación da nosa provincia

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo insta a Feijóo e a Castiñeira a clarexar cando coñeceron a decisión de Fomento de paralizar os proxectos da Intermodal e o AVE

Os socialistas presentan varias iniciativas no Congreso e o Senado para que o Goberno non deixe a Lugo sen AVE


O Concellos de Lugo e Monforte suman esforzos para evitar que o Ministerio de Fomento marxine á provincia de Lugo na chegada do AVE a Galicia.

Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Monforte, Severino Rodríguez, reuníronse hoxe co Senador Ricardo Varela e o Deputado en Cortes José Blanco, nun encontro que tivo lugar a instancias do PSOE, para plantarlle cara ó Goberno do Partido Popular e evitar que se consume unha nova marxinación da nosa provincia.

A celebración deste encontro produciuse logo de que o Senador socialista Ricardo Varela descubrira as intencións do Goberno de Rajoy respecto do AVE en Lugo. Primeiro conseguiu acreditar hai unhas semanas que o Ministerio de Fomento suspendera hai dezaseis meses a tramitación do proxecto para a construcción da Estación intermodal de Lugo e despois de ter coñecemento de que tamén se deu orde para paralizar a construcción da variante de Pobra de San Xiao da Alta Velocidade.

O Alcalde de Lugo destacou que estamos ante “un grave problema e un novo agravio para a nosa cidade e para a provincia” polo que se deben implicar todas as institucións e veciños para impedir que o Goberno nos exclúa da chegada da Alta Velocidade.

“Espero que os lucenses reaccionemos e para iso imos poñer todos os nosos esforzos”, destacou López Orozco que se felicitou pola celebración desta xuntanza das cidades que “temos que liderar esta protesta e este movemento na defensa da Alta Velocidade”.

Ademais, o Alcalde de Lugo reclamou explicacións ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. “Eu teño que facerme unha pregunta, o convenio para facer a Estación intermodal firmámolo a Xunta, Adif, Renfe e o Concello e os outros sabían o que nós non sabíamos?, é necesario que o Presidente da Xunta responda públicamente, vostedes sabían que se paralizaba aquel convenio que firmamos e que posibilitou que se adxudicara o proxecto da Estación intermodal?

López Orozco tamén se preguntou “que é o que está a defender no Parlamento galego, Jaime Castiñeira, outro agravio máis que se suma ó Cuartel de San Fernando e ó Plan Paradai?”

Asimesmo, o Alcalce de Lugo lembrou que o Pleno do Concello aprobou un manifesto, o pasado día 3, co respaldo dos tres grupos políticos da Corporación municipal, que xa lle foi remitido ó Ministerio de Fomento pero considerou que “non abonda con iso, os lucenses non podemos durmirnos neste tema” e anunciou que a próxima semana convocará unha xuntanza do Consello Econónimo e Social.

Pola súa parte, o Alcalde de Monforte destacou que “cada vez que un político minte dinamita a democracia” e explicou que grazas ós escritos que lle facilitaron hoxe os parlamentarios socialistas tivo ocasión de comprobar documentalmente que hai unha orde de paralización de infraestruturas que repercuten de maneira determinante no trazado ferroviario que ten que pasar por Monforte.

Ademais, Severino Rodríguez anunciou que “unha vez que teño esa documentación por escrito que dá fe de que nos estiveron enganando, o primeiro que vou  facer é informar ó Consello Económico e Social de Monforte e trasladar esto ó Pleno da Corporación para que se tomen as medidas oportunas e desenmascarar esta mentira que nos durante todo este tempo estiveron contando porque, reitero, cada vez que un político minte, e esto o PP por desgraza o está facendo con demasiada frecuencia, o que está é acabando coa democracia e,desde logo, nós non imos permitir esto”.

A celebración da reunión foi unha iniciativa do Senador socialista Ricardo Varela quen salientou a importancia da creación dun eixo Lugo-Monforte na defensa do AVE porque, destacou, está claro que “o PP ten tomada a decisión de que a provincia de Lugo quede fóra do AVE”.

Ricardo Varela destacou que, para loitar contra esa nova marxinación á provincia de Lugo, “pareceume que debía trasladar esta información ós alcaldes de Lugo e Monforte para que teñan todos os datos” e sinalou a necesidade de “poñer en marcha iniciativas de todas as institucións para tratar de evitar que Lugo sexa a única provincia que quede fóra do AVE.

Ademais, Varela anunciou a presentación dunha proposición non de lei no Congreso, por parte de José Blanco, e unha moción no Senado, asinada por él mesmo, nas que o PSOE insta ó Goberno a reanudar de xeito inmediato a variante de San Xiao, igual que lle esixiu noutra moción que presentou hai quince días para a recuperación do proxecto de construcción da Estación intermodal de Lugo.
Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova