Imprimir

O ALCALDE VISITOU AS OBRAS DA INSTALACIÓN DA NOVA VENTÁ ARQUEOLÓXICA DENTRO DO VELLO CÁRCERE


20/3/2014 Esta nova instalación permitirá ver unha cámara funeraria de época romana única en Galicia

O Alcalde de Lugo, José López Orozoco, o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, a Deputada de Artesania e Deseño, Regina Polín, visitaron as obras que se están levando a cabo para a instalación dunha nova ventá arqueolóxica dentro do edificio do Vello Cárcere.

Con esta nova instalacións, poderase ver unha estrutura funeraria moi puco común na zona norte de España que está formada por unha tumba de inhumación.

López Orozco sinalou que “grazas ó Plan Urban os lucenses poderemos contemplar estes restos arqueolóxicos ademais dentro dun novo centro cultural como será o Vello Cárcere” e indicou que “o Concello contunúa con ese labor de deixar visibles os achádegos máis importantes da nosa cidade”. Tamén quixo agradecer o esforzo que realiza o Servizo municipal de Arqueoloxía que traballa exemplarmente na conservación e defensa do patrimonio da nosa cidade.

Así, o proxecto da visibilidade aos restos integrandoos dunha maneira sinxela dentro do edificio a través dun vidro antideslizante de protección que permita unha visión directa e ademais incluirá un sistema de ventilación e renovación do aire e un sistema de drenaxe conectado á rede de saneamento existente. A obra conta cun presuposto de 34.266 euros e enmárcase dentro do Plan URBAN que ten o 80% de cofinanciación do FEDER da Unión Europea.

A xefa de Arqueoloxia, Covadonga Carreño, explicou que cando comezaron as obras non se contaba coa aparición de restos tan destacados como estes que se van poñer en valor xa que son os primeiros que se atopan en Lugo destas características.

Con esta son seis as ventás arqueolóxicas que se fixeron en Lugo e que se suman  ás que deixaron á vista a piscina romana da praza de Santa María, os restos do acueducto na praza de San Marcos, os restos da Muralla na rúa Nova, a que deixa á vista un fragmento do mosaico da Domus Oceani na rúa  Doutor Castro e a dos restos do templo romano no Círculo das Artes. En total, o Concello leva investidos máis de 300.000 euros na posta en valor do patrimonio arqueolóxico da cidade en actuacións deste tipo.