O Alcalde anuncia a súa asistencia ao debate no Parlamento de Galicia sobre a implantación dos servizos pendentes para o HULA
# Xoves, 20/03/2014
López Orozco lembrou que o Presidente da Xunta o día da inauguración do hospital se comprometeu a poñer todos os servizos
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou esta mañá que estará presente, xunto co Voceiro do Goberno Local, Luis Álvarez, na sesión de debate da Iniciativa Lexislativa Popular que reclama a implantación dos servizos aínda pendentes de instalar no HULA e que terá lugar o martes 25 no Parlamento de Galicia.
López Orozco indicou que se trata dunhas aspiración dos lucenses “e que sempre apoiamos dende o Concello e sempre pedimos á Xunta de Galicia e por iso estaremos o martes no Parlamento”.
Neste sentido, tamén se referiu que lle gustará ver que decisión toma o Partido Popular durante o debate xa que conta con maioría absoluta pero agarda que “non deixen quedar mal ao Presidente da Xunta xa que todos nos lembramos como o día da inauguración do hospital comprometeuse para que Lugo tamén contase cos servizos de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica”.
A Iniciativa Lexislativa Popular conta co respaldo de 41.000 sinaturas de cidadáns que solicitan que o HULA teña unha tecnoloxía de primeira e que existan uns servizos que eviten que enfermos e familiares se teñan que desprazar centos de quilómetros para recibir un tratamento.
Compartir: