Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Luis Álvarez censura que o Voceiro do PP se permita pedir explicacións no Parlamento ós veciños de Lugo que defenderon os servizos médicos prometidos para o HULA


# Mércores, 26/03/2014
 Luis Álvarez denuncia que para Castiñeira “o tempo pasa distinto segundo o sillón no que estea sentado” e considera que o Voceiro do PP “é o que temos, pero non o que merecemos"

 O Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, censurou hoxe a Jaime Castiñeira pola actitude que mantivo na súa intervención no Parlamento galego durante o debate da Iniciativa Lexislativa Popular para dotar ó HULA dos servizos médicos de Radioloxía, Medicina Nuclear e Hemodinámica 24 horas. 

“É o que temos, pero non é o que merecemos”, remarcou Luis Álvarez, que xunto co Alcalde, José López Orozco, acompañou ó numeroso grupo de veciños presentes onte na Cámara lexislativa galega.

Álvarez reprochoulle a Castiñeira que se permitira pedirlles explicacións ós promotores da iniciativa sobre a procedencia dos datos manexados polos veciños para reclamar que o HULA dispoña dos servizos médicos prometidos no seu día polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

“Ó final deberon considerar que non lles quedaba outra opción que apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular, pero Castiñeira non puido evitar facer o que fai sempre e permitiuse pedirlles explicacións ós veciños porque o que lle vai é ser Interventor, é ser Xuiz, é ser Fiscal e, ás veces, tamén, ser Tasador”, explicou Luis Álvarez.

O Voceiro do Goberno local tamén se laiou de que o PP, que aprobou esta iniciativa popular, non lle dera o mesmo apoio no Parlamento galego a outra necesidade que ten Lugo como é a execución do Plan Paradai. “Prodúceme unha pena considerable como lucense que o señor Castiñeira non fose quen de apoiar a conclusión no prazo máis breve posible do Plan Paradai e votou en contra”, sinalou.

Tamén puxo en evidencia o Voceiro do Goberno local o distinto criterio que ten Jaime Castiñeira en Santiago de Compostela e en Lugo, xa que “seis meses en Santiago non son ningún problema mentres que un retraso de dez días nunha obra municipal supón que o PP denuncie que o Goberno local non responde con suficiente prontitude ós problemas dos veciños”.

“O tempo pasa de forma distinta para Castiñeira segundo o sillón no que estea sentado”, concluíu Luis Álvarez. 

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova