Imprimir

O ALCALDE CENSURA QUE O PP E O BNG ACTÚEN EN CONTRA DOS INTERESES DE LUGO Ó REXEITAR QUE O CONCELLO INVISTA 3,3 MILLÓNS DE EUROS NA CIDADE


8/4/2014

Os investimentos ían destinados a comprar unha escada máis alta para os Bombeiros, ó arranxo de goteiras no Centro social da Milagrosa, a comprar libros e material para a Biblioteca, a Escola de Música e a Policía Local e para melloras nas instalacións deportivas das Gándaras

O Alcalde explicará ós veciños que, nunha situación de crise como a actual, o PP e o BNG néganse a que o Concello faga investimentos con cartos procedentes dos aforros municipais



O Alcalde, José López Orozco, censurou hoxe ó Partido Popular e ó Bloque Nacionalista Galego por votar en contra dos intereses de Lugo no Pleno municipal celebrado onte no que boicotearon os investimentos de 3,3 millóns de euros en necesidades perentorias da cidade.

López Orozco, que compareceu nunha rolda de prensa xunto coa Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, dixo que terán que os dous partidos da oposición municipal terán darlles explicacións ós veciños e veciñas de por qué non quixeron apoiar o investimento de cartos procedentes dos aforros municipais en necesidades como a compra dunha escada para os Bombeiros, medios para a Policía Local e para a Escola e a Banda de Música, a adquisición de libros para a Biblioteca ou facer arranxos nos vestiarios instalacións deportivas das Gándaras ou acabar coas goteiras do Centro social da Milagrosa co arranxo da cuberta.

O Alcalde salientou que só a demagoxia pode explicar o comportamento da oposición no pleno municipal no que calificou de “grave suceso, nos tempos que estamos nos que, a pesar das dificultades, o Concello pode facer investimentos grazas ós aforros que xuntou,  a oposición, por segunda vez -a primeira foi en decembro cando se negaron a aprobar os Orzamentos- opúxose á propia cidade”.

“Veñen ó Concello facer campaña e poñen os seus intereses políticos por riba dos intereses dos cidadáns”, salientou o Alcalde, porque considera que o que pasou onte no Pleno é a demostración de que a oposición pensa en clave electoral e non lle importa perxudicar a Lugo.

Tralo sucedido na sesión plenaria, o Alcalde preguntouse “cómo é posible que se opoñan á compra dunha escaleira para que os Bombeiros velen pola seguridade dos veciños que viven máis arriba dun sexto piso?” e destacou a incongruencia na que incorreu Jaime Castiñeira que primeiro recoñeceu a necesidade da escaleira e de que o Concello dispoña dun novo sistema informático e, deseguido, votou en contra destes investimentos.

Tamén se preguntou o Rexedor “cómo é posible que pidan medidas sociais ó mesmo tempo que votan contra a eliminación de goteiras co arranxo da cuberta dun Centro social?” e “cómo é posible que pidan orzamento para mellorar o tráfico no contorno da Estación de Autobuses os mesmos que uns minutos antes votaron en contra de investir en medios para a Policía Local?”.

“A única explicación posible é que non lles importa o interese xeral, senón quedar ante eles mesmos como campións e facer ver que Goberno de Orozco está en minoría, cousa que xa sabemos todos, eu o primeiro”, destacou o Alcalde. Tamén explicou que “é mentira que faltara vontade negociadora do Goberno” e anunciou que “pola miña parte no vai faltar esa vontade negociadora, asegúrolles que antes do próximo Pleno no que irán as obras, sentarémonos as horas que sexan necesarias e terán que botar man de outra disculpa, sempre estivemos abertos, unha e mil veces, a negociar, porque sabemos que a política é negociar e cando non se dialoga chégase a absurdos como o de onte”.

 “Non teñen disculpa”, salientou López Orozco e anunciou que os dous partidos da oposición “van ter oportunidade de propor qué rúas ou qué pistas queren que se arranxen e, se non, que fagan no Pleno de maio o mesmo que onte e despois que llo expliquen ós, porque desde logo nós explicaremoslles ós veciños que as súas rúas non se arranxan, habendo diñeiro para elo, pola negativa do PP e o BNG”.

O Rexedor tamén considerou “pura demagoxia” as excusas que deron os dous grupos para rexeitar os investimentos previstos e deixou claro que o Concello de Lugo é bó pagador e non ten ningún problema coas facturas, como recoñecen todos os proveedores, por máis que o PP tente facer crer o despropósito de que é un caos o feito de que unha entidade, administración ou empresa, que manexa 12.000 facturas ó ano teña incidencias en 10 facturas (0,08%).

O Partido Popular e o BNG deixaron claro onte, coas súas explicacións demagóxicas, o que lles importan os parados, o comercio e que as empresas de Lugo teñan carga de traballo, concluíu o Alcalde.