Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A III Semana da Danza reunirá a máis de 200 alumnos de danza entre os días 24 e 30 de abril en Lugo


# Martes, 08/04/2014
Un dos espectáculos programados é a Fusión en Danza na que diferentes escolas de baile da cidade levarán a cabo unha exhibición de baile e danza

Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, xunto con Isabel Méndez e Raquel González, Directora e Vicedirectora, respectivamente, do Conservatorio Profesional de Danza e Teresa Neri, en representación das Escolas de danza de Lugo, presentaron esta mañá a III Semana de Danza de Lugo que se celebrará entre o 24 e o 30 de abril.

A Concelleira de Cultura destacou que é o terceiro ano no que o Concello e o Conservatorio de Danza colaboran na organización da Semana da Danza, que se celebra para conmemorar, en Lugo, o Día Internacional da Danza, e sinalou que, aínda que poida parecer minoritaria, “a danza é unha manifestación artística de gran importancia para o desenvolvemento das persoas, xa que supón unha magnífica canle para a expresión dos nosos sentimentos”.

Isabel Méndez agradeceulle ó Concello a posibilidade de organizar a Semana da Danza, e sinalou que un ano máis terá lugar o Encontro de Centros de Danza no que se prevé a chegada a Lugo de máis de 200 alumnos de todo Galicia e Asturias.

Pola súa parte, Raquel González explicou que a primeira actividade programada terá lugar o xoves 24 de abril ás 19.00 horas coa presentación do concurso coreográfico no que o alumnado presentarán diferentes traballos coreográficos sobre Fonteyn e Nureyev no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Para o venres, 25, o Grupo de Danza Contemporánea e o Grupo de Percusión do Conservatorio de Música porán en escea o espectáculo Seven Colours Extensións a partir das 20.30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

O sábado, 26 de abril, terá lugar o Encontro de centros de danza de Galicia e Asturias, no que participan doce centros de ensinanzas de danza clásica e contemporánea de toda Galicia e de Asturias. O Encontro reunirá 200 alumnos procedentes de Santiago, A Coruña, Oleiros, Ferrol, Vilagarcia de Arousa,  Ribadeo,  Lugo e Xixón.

Desta maneira o domingo, día 27, é o día adicado a outros estilos de danza distintos da clásica e a contemporánea. No acto colectivo “Fusión en Danza” de conmemoración do Día Internacional da Danza van participarán seis centros de ensinanzas de danza de Lugo que se adican a outros estilos de danza. No espectáculo intervirán 80 persoas que ofrecerán danza moderna, danza do ventre, flamenco ou baile deportivo, entre outros. Será ás 19.00 horas no Auditorio Gustavo Freire.

A programación continuará o luns, día 28, coa posta en escea do concerto Moving into a new age  en colaboración co Grupo de Percusión do Conservatorio de Música, e que será a partir das 19.00 horas no Centro Comercial As Termas.

O martes 29 de abril o alumnado de danza clásica do Conservatorio de Danza de Lugo levarán a cabo unha actuación didáctica para escolares ás 11.30 e outro para o público en xeral ás 20.30 horas, ambos no Auditorio Gustavo Freire, que se recolle baixo o nome de Coppelia.

As actividades da Semana da Danza rematarán o mércores, 30 de abril, coa actuación do  Centro Coreográfico Galego e o alumnado do Conservatorio de Danza de Lugo, A Bela Adormecida,  que terá lugar ás 20.30, no Auditorio  Municipal Gustavo Freire e que ten a entrada a un prezo único de 5 euros que se poderá mercar dende unha hora antes da actuación.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova