Cargando....
Concello de Lugo
23/02/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O 21 de abril comeza o prazo de pagamento voluntario do Imposto de Bens Inmobles


# Venres, 11/04/2014
O Concello de Lugo ten previsto recadar 20,7 millóns de euros  por este tributo e porá ó cobro máis de 100.000 recibos

A recadación prevista sobe en 500.000 euros a pesar de que Lugo mantén conxelado este imposto, que é o máis baixo de todas as cidades galegas e o sétimo máis baixo das capitais de provincia españolas

A Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos, que dirixe Sonia Méndez, anuncia que o día 21 de abril comezará o prazo de pagamento en vía voluntaria do Imposto sobre Bens Inmobles, que se prolongará ata o 20 de xuño.

O Concello porá ó cobro este ano un total de 102.179 recibos do IBI por un importe total de 20.784.113,01 euros.

Esta cifra supón un aumento de 500.000 respecto do ano pasado, que se produce a pesar de que o Concello mantén conxelado o imposto e pese a que Lugo é a cidade galega que ten o IBI máis barato e ocupa o posto 46 dun total de 52 capitais de provincia, dacordo co ranking que elabora cada ano a Axencia Tributaria do Concello de Madrid.

Bonificacións

Ademais de manter conxelado un ano máis este tributo, o Concello de Lugo ten establecidas unha serie de bonificacións das que se poden beneficiar tanto emprendedores como titulares de vivendas de protección oficial e familias numerosas, entre outros colectivos, sempre e cando os contribuíntes así o soliciten.

A Ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles establece unha bonificación do 90% na cota íntegra do imposto, sempre que se solicite antes do inicio das obras, para os inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria tanto de obra nova como de rehabilitación equiparable a esta, e non figuren entre os bens do seu inmobilizado. O prazo de aplicación desta bonificación comprenderá dende o período impositivo seguinte a aquel en que se inicien as obras ata o posterior á terminación delas.

Tamén teñen dereito a unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto, durante os tres períodos impositivos seguintes ó do outorgamento da cualificación definitiva, as vivendas de protección oficial e as que resulten equiparables a estas conforme á normativa da Comunidade Autónoma.

Asimesmo, establécese unha bonificación do 95% da cota íntegra para os bens rústicos das Cooperativas Agrarias e de Explotación Comunitaria da Terras.

Outro colectivo que se beneficia de bonificacións é o dos contribuíntes que teñan a condición de titulares de familia numerosa, sempre que o inmoble gravado estea destinado a vivenda habitual e que o seu valor catastral non rebase os 60.000 euros. Neste caso a porcentaxe de bonificación oscila entre o 30% e o 90%, en función do valor catastral da vivenda.

Por último, o Concello de Lugo tamén bonifica no 95% da cota íntegra do imposto para os inmobles propiedade da Universidade de Santiago de Compostela directamente destinados a fins universitarios.

Evolución 2013-2014

O Concello poñerá ó cobro este ano 88.340 recibos de urbana, por un importe de 20.727.233,99 euros, o que supón un incremento de 1.067 recibos, un 1,22% máis, e de 550.737 euros, un 2,73% máis, respecto ó ano pasado.

Tocante a rústica, o número de recibos que se pasarán ó cobro é de 13.839 por importe de 56.879,02 euros. O número de recibos diminúe en 127, o que supón un 0,91% menos, e o importe descende en 1.038,30 euros, un 1,795 menos que en 2013.

O incremento nas previsións de recadación este ano obedece ó aumento nas altas que se tramitaron, máis de 1.000, boa parte delas pola labor de detección de inmobles que os propietarios non deran de alta no catastro.

Pago fraccionado

Aínda que o prazo de pagamento en vía voluntaria rematará o 20 de xuño, as persoas que teñan domiciliado o imposto poderán fraccionar o pago. Neste caso, pasaráselles ó cobro os días 5 de xuño e 5 de setembro.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova