Cargando....
Concello de Lugo
06/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta novas rutas turísticas para coñecer dunha maneira diferente a zona rural e os concellos limítrofes


# Venres, 11/04/2014
Carmen Basadre presentou a segunda edición do programa Terras da Auga e Cultura que conta con novas rutas e temáticas

Imaxe Asociada
En total, serán 36 excursións gratuitas que comezan este xoves 17 de abril cunha visita á zona de Santalla de Bóveda, Camiño Primitivo e San Pedro de Mera


A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou novas rutas turísticas que permitirán coñecer mellor a zona rural do Concello de Lugo e as zonas limítrofes de Rábade e Corgo dentro do programa Terras de Auga e Cultura.

Ante o éxito acadado deste programa de promoción turística durante o 2013 por diferentes zonas dos tres concellos, a área de Turismo, decidiu crear novas rutas e diferentes novidades con respeto ao ano pasado, segundo explicou Carmen Basadre. 

“Son un total de 36 rutas que comezan o xoves e venres 17 e 18 de abril e que rematarán o 28 de decembro deste ano e que se celebrarán os domingos ou algún festivo relevante como poden ser estes de Semana Santa” manifestou a responsable da área de Cultura, que tamén destacou “o éxito da anterior edición na que participaron entorno a 800 persoas”.

Así, para aproveitar ao máximo os recursos turísticos que ofrece a zona rural do Concello de Lugo, este ano introduciranse excursións temáticas que aborden outros ámbitos de interese que caracterizan a fisonomía destes paraxes como son a xeoloxía, a bioloxía e a etnografía, que se suman aos aspectos histórico-artísticos que se abordaron ata agora. 

Estas rutas turísticas de carácter gratuito, cun máximo de 50 prazas, desenvolveranse de 10.30 a 19.00 horas ata outubro e de 10.30 ata as 18.00 horas de outubro a decembro e teñen como punto de saída e de volta o tramo peonil da Ronda da Muralla. Da mesma maneira, que na primeira edición, os interesados poderán inscribirse a través do 010 e da Oficina Municipal de Turismo, con prazo límite para inscribirse fixado ás 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. 

Outra das novidades é que se incorporan aos itinerarios parroquias do concello de Outeiro de Rei, lugares de interese turístico como Marcelle Natureza e Avifauna e obradoiros de artesáns de distintas disciplinas que ensinaráns os seus talleres e as súas técnicas de traballo, e ademais contarase con guías como Adolfo de Abel Vilela ou Ricardo Polín.

Temáticas das rutas
Esta segunda edición das rutas Terras de Auga e Cultura presenta como novidade a clasificación das rutas de maneira que unhas son de xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, e patrimonio histórico- artistico. Así, as rutas xeolóxicas, será unha viaxe polas parroquias centrada nas características xeolóxicas que presenta o terreo. Ademais da andaina dirixida e comentada por un xeólogo, desenvolveranse ao longo da xornada actividades didácticas dirixidas a todos os públicos. 

As rutas cunha temática sobre a bioloxía centraranse na natureza e nas características da fauna e da flora, extraordinariamente rica nas parroquias que forman parte de Terras de Auga e Cultura. Ao igual que as rutas xeolóxicas, estas excursións tamén combinan o sendeirismo con actividades didácticas como estudo da flora autóctona ou avistamento de aves e outras especies de animais. 

As rutas de antropoloxía e etnografía estarán centradas en aspectos como a arquitectura tradicional, os usos da terra, a xerarquización do espazo das parroquias, a influenza do home na paisaxe, etc. 

Finalmente, as excursións con temática sobre o patrimonio histórico-artístico serán conducidas por unha guía oficial de turismo que abundará en temas relacionados co patrimonio histórico que se conserva nestas parroquias. Moito deste patrimonio foi identificado no plan de sinalización que se levou a cabo o ano pasado con cargo ao proxecto de “Plan Integral de Promoción Turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade”, subvencionado por Agader. 

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova