Imprimir

O CONCELLO DE LUGO RECLAMARÁ A DEVOLUCIÓN DO CÉNTIMO SANITARIO


16/4/2014 Luis Álvarez anuncia a decisión do Goberno local de reclamar o que tivo que pagar de máis o Concello polo combustible adquirido para o Parque Móbil municipal

 O Voceiro do Goberno tamén informou de que o Diario Oficial da Unión Europea e o Perfil do Contratante publicaron hoxe a licitación do servizo de autobuses urbanos 


As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 9 de xuño

O Concello de Lugo vai reclamar a devolución dos importes abonados polo chamado céntimo sanitario, segundo informou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez. 

Luis Álvarez informou do acordo adoptado esta mañá pola Xunta de Goberno Local que decidiu encargarlle ó Servizo de Tesourería Municipal que realice os trámites para reclamar a devolución dos importes aboados polo céntimo sanitario no consumo de combustibles destinados ó Parque Móbil municipal de vehículos. Tamén se decidiu que os Servizos Xurídicos municipais avalíen a posiblidade de ampliar a reclamación ó período impositivo comprendido entre xaneiro de 2004 e febreiro de 2010.

O Concello de Lugo veu aboando, igual que o resto das administracións locais galegas, dende xaneiro de 2004 ata xaneiro de 2013, o Imposto sobre as Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos, imposto máis coñecido polo nome de céntimo sanitario. 

Unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ditada a finais de febreiro pasado, resolveu que o citado gravame vulnera a lexislación comunitaria.

Buses urbanos

Luis Álvarez tamén deu conta de que hoxe se publica no Diario Oficial da Unión Europea e no Perfil do Contratante do Concello de Lugo o anuncio de licitación do servizo de transporte público colectivo. 

Unha vez publicado o prego, abrirase o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas. O prazo terminará o día 9 de xuño e a apertura das propostas está prevista para o 11 do mesmo mes.

Dacordo coas bases, o contrato para a prestación do servizo de autobuses urbanos terá unha duración por dez anos prorrogables ata un máximo de quince.

Equipamentos para Bombeiros

O Goberno local acordou, tamén, na reunión celebrada esta mañá, ademais, a a contratación da subministración de equipamentos de uniformidade de intervención par ao Corpo de Bombeiros, consistente en 51 equipos de chaquetón e cubrepantalóns. 

O valor estimado é de 56.610 euros, IVE incluído, e o prazo para a subministración das pezas será de 120 días naturais dende a formalización do contrato, que se adxudicará polo procedemento aberto. 

O Voceiro do Goberno local salientou que a tramitación deste expedente comezou o 30 de xaneiro e anunciou que para a vindeira semana está previsto que se aprobe a compra de novo equipamento de comunicacións para o Servizo Contraincendios por valor doutros 8.000 euros.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local aprobou, asimesmo, a contratación da subministración de áridos para levar a cabo as obras de mantemento dos viais de titularidade municipal. O acordo marco terá unha vixencia dun ano, podendo prorrogarse por un período máximo de dous. 

A cantidade anual que deberá subministrarse estímase en 5.000 toneladas e o presuposto máximo para a primeira anualidade ascende a 40.000 euros, IVE incluído.

Por outra parte, o Goberno local aprobou hoxe a prórroga de tres contratos. Trátase dos do Servizo de Axuda no Fogar, de Desratización e de Vixilancia no Parque da Milagrosa.