Cargando....
Ayuntamiento de Lugo
28/03/24
NOTICIAS
Escucha esta página

O Concello de Lugo encárgalle á Asesoría Xurídica un ditame sobre a brutal suba das tarifas de Sogama


# Miércoles, 23/04/2014
Coa nova taxa que autorizou a Xunta, Lugo tería que pagarlle a Sogama 740.000 euros máis cada ano sen recibir a cambio ningunha mellora no servizo 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
 A Xunta de Galicia ten sen xustificar 3,9 millóns do Plan de Vivenda e, por este motivo, Lugo non conta con novas Áreas de Rehabilitación

O Goberno local encargoulle hoxe mesmo á Asesoría Xurídica municipal que emita un ditame sobre a factura de Sogama que vén de recibir o Concello de Lugo, xa que a nova taxa que lle autorizou a Xunta a esta empresa pública supón que os lucenses teríamos que pagar 740.000 euros máis cada ano sen que recibamos como contraprestación un servizo mellor no tratamento do lixo. 

A nova taxa suponlle ó Concello de Lugo un aumento de case 62.000 euros ó mes, polo que ó cabo do ano os lucenses teríamos que pagar 740.000 euros de máis a cambio dun servizo que non experimenta ningunha mellora, segundo destacou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez.

Álvarez facilitou ós medios de comunicacións as facturas de Sogama dos meses de febreiro e marzo, documentos nos que se comproba o brutal incremento de tarifas aplicado por esta empresa pública ó Concello de Lugo, a pesar de que se ofrece un servizo idéntico ó que se viña prestando con anterioridade e non hai ningunha contraprestación ou mellora que xustifique semellante encarecemento do servizo de tratamento do lixo. 

“Como sempre, somos os cidadáns quen acaba pagando os pratos rotos das medidas económicas desta dereita político-económica que nos goberna”, salientou Luis Álvarez, xa que, tal e como explicou “trátase dunha subida unilateral, que nos vai supoñer 740.000 euros máis, simplemente por sanear un modelo enerxético insostible polas medidas tomadas polo Goberno central”.

A factura correspondente ó mes de marzo ten un importe total de 245.656,81 euros fronte ós 172.686,20 euros aboados polo Concello polo mes anterior, xa que o prezo do tratamento de cada tonelada de lixo pasou de ter un custe de 55,91 euros, no mes de febreiro, ós 74,64 euros que Sogama pretende cobrar por tonelada no mes de marzo.
 
A mala xestión da Xunta retrasa o Plan de Vivenda

Luis Álvarez tamén revelou que a Xunta de Galicia ten sen xustificar 3,9 millóns de euros do Plan estatal de Vivenda e, por este motivo, o Ministerio de Fomento aínda non asinou o convenio para o financiamento do novo programa.  

Esta situación impide que o Concello de Lugo poida poñer en marcha novas Areas de Rehabilitación Integral como a prevista para a zona do Agro do Rolo, no barrio da Milagrosa. 

“Este Goberno autónomo, que vende continuamente a súa eficacia na xestión, é un dos que bloquea a sinatura deste convenio co Ministerio, porque non saben onde lles van 3.900.000 euros dun Plan estatal de Vivenda xestionado baixo a presidencia de Feijóo”, salientou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

“Gustaríame que sexan quen de xustificar debidamente onde van eses cartos para que os concellos poidamos dinamizar a economía das empresas e mellorar o contorno urbano, algo polo que levamos agardando dende finais do ano pasado cando se empezou falar do Plan de Vivenda 2014-2016”, manifestou Luis Álvarez.

As viaxes de Castiñeira

Ademais, o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente referiuse ós estudos hidrolóxicos que agora reclaman a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a aprobación definitiva do 5% pendente do Plan Xeral de Ordenación Municipal. 

En relación con este asunto, Luis Álvarez chamou a atención sobre a propensión de Jaime Castiñeira de acudir a concellos da comarca da Mariña, como Ribadeo ou Burela, para buscar información relativa a Lugo. 

“Parece que ten unha especial predilección por ir ós municipios costeiros a buscar información referida a Lugo”, dixo Luis Álvarez, xa que, logo das supostas viaxes a Ribadeo para buscar información sobre o guindastre municipal, Jaime Castiñeira dí agora que os estudos hidrolóxicos de Burela costaron 16.000 euros, pero esquece que a superficie de Burela é 41 veces menor superficie que a de Lugo e, ademais, non se trata dun concello que se caracterice por ter cursos fluviais particularmente caudalosos. 

“Tamén cita o Concello do Corgo e ahí posiblemente teña un coñecemento maior do planeamento urbanístico”, subliñou Álvarez quen indicou que “ogallá o custe dos estudos pendentes do Plan Xeral de Ordenación Municipal foran baratos, aínda que, como saben, nós consideramos que non é competencia do Concello facelos”.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente ofreceulle públicamente a Castiñeira “que se sente cos mesmos técnicos municipais cos que eu me sentei, os Xefes dos servizos de Urbanismo, de Medio Ambiente e da Asesoría Xurídica e co Interventor, que lles formule as preguntas que queira e escoite as súas respostas e, despois, que leve unha proposta ó Pleno para que se aprobe a contratación dos estudos polo Concello”.

En todo caso, Luis Álvarez advertiu de que “o Goberno local só levantará a man para votar a favor, como sempre fai, se os informes dos técnicos municipais non ofrecen dúbida de que se pode facer esa contratación”

Xunta de Goberno

O Voceiro do Goberno local informou de que a Xunta de Goberno aprobou hoxe a licitación dun servizo de cociña para a Escola infantil municipal “Serra de Outes”. O prezo máximo do contrato é de 52.842 euros, IVE incluído, e a duración do contrato é dun ano prorrogable ata un máximo de dous. O prezo do contrato establécese para unha previsión de 61 nenos e nenas. 

Na área de Urbanismo, a Xunta de Goberno aprobou a concesión dunha licenza para a construción dun edificio na rúa Ameneiro, un dato que destacou o Concelleiro de Urbanismo xa que é a primeira que se autoriza dende abril de 2012.

Escuchar audio:
Escuchar audio:
Escuchar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre ventana nueva Instituto de Crédito Oficial,Abre ventana nueva