Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello, Universidade e Obispado asinan un convenio para a dixitalización e documentación do patrimonio eclesiastico de Lugo


# Venres, 25/04/2014
Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo Muralla Dixital  de dixitalación e documentación do patrimonio de Lugo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Recolleranse imaxes de nove edificios pertencentes á Diócese de Lugo entre os que destaca a Catedral ou o Pazo Episcopal


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón e o Vicario Xeral da Diócese de Lugo, Mario Vázquez  Carballo, asinaron esta mañá un convenio para a recollida de maneira fotográfica unha serie de bens e inmobles de carácter relixioso sitos na cidade de Lugo e que son propiedade da Diócese de Lugo.

Desta maneira, dixitalizaranse esas imaxes que poderán ser usadas por turistas ou estudosos para coñecer máis de preto e poder analizar sen moverse as obras fotografiadas o que resulta de gran interese para a difusión do patrimonio histórico-artístico da cidade de Lugo.

López Orozco destacou “a importancia que ten a recollida deste patrimonio para poñer a disposición de toda a cidadanía interesada xa que poderán coñecer pezas e pinturas que ata o momento só se poden ver in situ”. Ademais explicou que a finalidade é que dita documentación serva de base para a elaboración dunha serie de contidos dixitais que se van xerar no marco do  referido proxecto e que van a permitir difundir o patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico da nosa cidade a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación (xeoportal en internet, app en dispositivos móviles, pantallas táctiles e multitáctiles).

Os edificios eclesiásticos que forman parte deste convenio son a Catedral de Lugo con todas as súas capelas, coro, sacristía, triforio, claustro e tellados e torres, Pazo Episcopal, Igrexa de San Pedro (coventual de San Francisco), Convento de Santo Domingo, Igrexa de Santiago A Nova, Igrexa de San Froilán, Capela de San Roque, Capela do Carme e Capela da Soidade.

Ademais o coñecemento e a posterior divulgación deste patrimonio a través da dixitalización das imaxes captadas antóllase de sumo interese para a investigación que desenvolverá a USC, xa que ata o pasado século XIX Lugo era unha cidade episcopal, co que o bispo era a máxima autoridade da que, en certa medida, dependían todas as demais institucións (Concello, tribunais...). Daquela, a posibilidade de acceder ao rico patrimonio eclesiástico de Lugo é esencial para explicar a evolución experimentada pola cidade.

Desta maneira, o Concello de Lugo xunto coa USC e a Diocese de Lugo porán en valor o patrimonio cultural e histórico da cidade a través do programa Muralla Dixital, un proxecto financiado con máis de 1,4 millóns de euros pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa de Cooperación Transfonteiriza España-Portugal 2007-2013. Este proxecto, ten como obxectivo a creación dunha rede de cinco cidades amuralladas de Galicia e do Norte de Portugal que apostan pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico e arqueolóxico a través da aplicación e do uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova