Imprimir

SONIA MÉNDEZ TOMOU POSESIÓN DA ACTA DE DEPUTADA PROVINCIAL


29/4/2014 O Alcalde asistiu ó acto, acompañado de varios membros do Goberno local

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez García, tomou posesión hoxe da acta da Deputada provincial durante a sesión plenaria que  celebrou esta mañá a Deputación de Lugo.

O Alcalde, José López Orozco, asistiu ó acto, no salón de sesión do Pazo de San Marcos, acompañado por varios membros do Goberno local.

Sonia Méndez manifestou que accede ó cargo “con ganas e vontade de aportar ó traballo que está a levar a cabo esta Deputación en materia de políticas sociais e medioambientais, así como para que a provincia de Lugo deixe de estar no furgón de cola”.

Méndez é a segunda representante do Concello de Lugo na Deputación provincial e compatibilizará a acta de Deputada coa dirección da Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos.

Na Deputación, é a quinta muller que forma parte do Goberno Provincial de José Ramón Gómez Besteiro, xunto a Lara Méndez, Regina Polín, Pilar García Porto e Sonsoles López Izquierdo. Coa súa incorporación, a representación feminina no Executivo provincial lugués é do 40%. Con respecto á formación política, dos 11 Deputados do PSOE, 5 son mulleres. En contraposición, no PP só hai 1 muller, aínda que son 12 os Deputados populares na Corporación Provincial.

Méndez García naceu o 12 de novembro de 1974 en Lugo. É licenciada en Dereito, coa especialidade de Administración Local, e titulada en Criminoloxía. Entre 2001 e 2006, foi Xefa de Gabinete do Alcalde de Lugo. No 2007 entrou a fomar parte das listas do PSdeG-PSOE. Ese ano asumiu a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos do Concello de Lugo. Na actualidade, segue a ser a responsable de dita Concellería, así como Secretaria de Política Municipal, Economía e Emprego na Executiva Local do PSdeG-PSOE en Lugo.