Imprimir

O CONCELLO XA DISPÓN DOS TERREOS PARA FACER O ASCENSOR DO SAGRADO CORAZÓN


30/4/2014 A construción do elevador terá un presuposto duns 220.000 euros

O Concello incautase de 84.000 euros da garantía depositada pola empresa que fixo a sede da Policía Local para facerlle fronte ós defectos de construción


O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez,  anunciou hoxe que o Concello xa dispón dos terreos para construir o ascensor do Sagrado Corazón.

Luis Álvarez informou de que esta semana se produciu a sinatura para a cesión dos terreos por parte de Novagalicia banco e a súa Obra social ó Concello de Lugo e, unha vez resolto este trámite,  a Administración municipal poñerá en marcha agora o expedente para levar a cabo as obras de construción do ascensor que mellorará a accesibilidade no barrio do Sagrado Corazón.

“Celebramos a conclusión deste longo proceso e espero que no prazo aproximado de dous meses teñamos acabado o expedente para poder comezar o antes posible esta obra tan desexada polos veciños do Sagrado Corazón”, manifestou Luis Álvarez.

O Voceiro do Goberno local agradeceu “a colaboración prestada polos responsables da entidade bancaria e da Obra social” e lembrou que a cesión dos terreos para construir o ascensor “é o último trámite que faltaba, polo que, unha vez que temos os terreos a disposición, comezará de inmediato o expedente para levar a cabo da contratación deste proxecto que ten un presuposto aproximado de 221.000 euros”.

Incautación de garantía

O Voceiro do Goberno local deu conta desta importante novidade na rolda de prensa posterior a reunión que celebrou este mércores a Xunta de Goberno Local que adoptou a decisión, entre outros acordos, de incoar un expedente de incautación de garantía á empresa que construiu a nova sede da Policía Local e Protección Civil, polos defectos no edificio que os técnicos municipais avalían en 84.355 euros.

O Goberno local acordou desestimar o recurso de reposición presentado pola empresa Construcciones en Piedra Sigrás S.L.,  adxudicataria do contrato de construcción do Edificio destinado a Policía Local e Protección Civil, dacordo cos informes do arquitecto municipal responsable do contrato así como da Dirección facultativa que rexeitan as argumentacións realizadas pola empresa. Tamén se decidiu dar un trámite de audiencia polo prazo de dez días para a presentación de alegacións.

Tendo en conta que o contrato está en período de garantía e á vista dos informes do responsable municipal e dos continuos requirimentos feitos para a subsanación de defectos que seguen sen repararse, emitiuse o correspondente informe por parte do responsable municipal que conclúe a necesidade de proceder á incautación de garantía e avalía en  84.355,64 euros o importe estimado correspondente ó custo dos traballos das obras de reparación das deficiencias.

No caso de que o contratista non proceda á reparación inmediata, encargaranse polo Concello a unha empresa capacitada con cargo ó contratista.

Casa Domótica, Escola infantil e Centro dinamización rural

A Xunta de Goberno Local acordou, ademais, a prórroga por un ano dos contratos privados de aluguer destas tres vivendas adaptadas da Casa Domótica, conforme ó establecido nas cláusulas do prego de prescripcións técnicas e dos contratos de aluguer. Tamén se decidiu a actualización da renda nun 2% correspondente á variación porcentual experimentada polo Indice de Prezos de Consumo, no período comprendido entre novembro de 2012 e novembro de 2013. O importe total da renda establécese tendo en conta os ingresos da unidade familiar ou de convivencia.

A Xunta de Goberno acordou tamén a prórroga de dous contratos administrativos polo prazo dun ano. Un deles é o correspondente ó servizo de cociña na Escola Infantil “Gregorio Sanz” para o que se aprobou o gasto de 50.962,52 euros, IVE incluído. E o outro é o do servizo de información e dinamización dos centros de dinamización sociocultural sitos na zona rural. Neste caso, sstablécese un prezo do contrato para esta segunda anualidade de 75.446,57 euros, IVE incluído.

Vehículos abandonados

O Goberno local tamén aprobou os pregos de cláusulas administrativas particulares para o alleamento por procedemento aberto mediante poxa pública dos vehículos abandonados retirados e depositados no Depósito Municipal e que se atopan en situación de abandono.

O prezo mínimo de venda da totalidade dos 80 vehículos (2 deles motocicletas) é de 10.490 euros. O prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia.