Imprimir

O ALCALDE E A CONSELLEIRA DE TRABALLO ENTREGARON OS DIPLOMAS ÓS 24 ALUMNOS DO OBRADOIRO DE EMPREGO VRBS LVCVS


5/5/2014 Os participantes neste obradoiro de emprego aprenderon as máis modernas técnicas de dixitalización e axudaron a conservar o patrimonio histórico de Lugo

O Alcalde, José López Orozco, e a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, entregaron hoxe os diplomas ós participantes no obradoiro de emprego Vrbs Lvcvs, nun acto no que tamén participaron as Concelleiras de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e de Educación, Formación e Orientación laboral, Esther Muñoz, así como a Delegada territorial da Xunta, Raquel Arias.

No acto, celebrado esta mañá no CEI-Nodus, o Alcalde agradeceu a colaboración da Consellería que permitiu a organización do obradoiro de emprego, no que os 24 alumnos traballadores aprenderon as últimas técnicas para a dixitalización do patrimonio documental e monumental.

O Alcalde destacou que o Concello e a Consellería comparten a preocupación polo principal problema que ten o país, que é o do desemprego e pediulle á Conselleira que
siga a colaborar co Concello de Lugo en novos obradoiros e iniciativas para axudar a mellorar a formación e a empregabilidade dos parados de Lugo.

López Orozco tamén felicitou ós alumnos polo traballo que desenvolveron durante os seis meses que durou o obradoiro de emprego Vrbs Lvcvs, co que “contribuiron á dixitalización dunha parte da nosa historia”.

Pola súa parte, a Conselleira de Traballo destacou que a formación impartida nesta iniciativa “non redunda só en beneficio dos veciños de Lugo senón que o seu resultado, a dixitalización do patrimonio lucense, é bó para toda Galicia”.

Tamén indicou que os participantes neste obradoiro de emprego reciben un certificado e homologado que lles abre as portas ó mercado laboral.

Logo da entrega dos diplomas, as autoridades realizaron unha visita ás distintas dependencias do CEI-Nodus, onde saudaron algúns dos emprendedores que traballan nos locais deste centro municipal, e do Espazo>Lab.




Balance de Vrs Lvcvs

Os 24 alumnos traballadores que realizaron o obradoiro de emprego Vrbs Lvcvs  estaban en situación de desemprego e durante este seis meses percibiron un salario. Neste tempo aprenderon as últimas técnicas de dixitalización e tratamento de imaxes o que lles permitiu adquirir formación nun campo que ofrece futuro laboral e o Concello logrou ter dixitalizada boa parte da súa documentación.

O presuposto desta iniciativa foi de 213.000 euros. Foi promovida polo Concello coa subvención da Consellería de Traballo e dá continuidade ós traballos de dixitalización realizados con anterioridade tamén polo Concello, a través do obradoiro Muralla Dixital, que financia a Unión Europea.

Este obradoiro comezou o 30 de outubro e rematou a finais de abril. Nel impartíronse tres especialidades que teñen o obxectivo último de poñer en valor unha parte do rico patrimonio cultural do Concello de Lugo e garantir tanto a súa preservación como o feito de que resulte accesible tanto a investigadores como ós cidadáns que poidan necesitar da consulta dos datos e información que conservan os arquivos municipais.

Entre os documentos dixitalizados figura un plano da Praza Maior e a Casa Consistorial que se remonta ó ano 1759.

Formación en tres especialidades

A especialidade de xestión de documentos tivo como obxectivo xeral formar a profesionais nas novas técnicas e métodos de xestión de documentos nas organizacións consistentes na aplicación das novas tecnoloxías.

Actuacións realizadas foron as seguintes:

-Revisión da sección de obras e urbanismo do inventario do fondo documental do Concello de Lugo dos séculos XVII e XX´

-Catalogación e implementación de metadatos nas imaxes dixitais segundo as normas e estándares nacionais.

Os traballos desenvolvidos concretáronse na consecución dos seguintes obxectivos:

-Inventario dos expedientes de licenza de obra maior do peírodo séculos XVIII-1950 acadando os 2.955 rexistros. Estes traballos incluiron a identificación, clasificación, ordenación e descrición dos expedientes.
   
-Catalogación da planimetría histórica do fondo documental do Concello acadando as 1.525 unidades de instalación.

A especialidade de técnico en dixitalización de documentos tiña como obxectivo principal coñecer as pautas que deben acometerse nun proxecto de dixitalización de documentos, así como as directrices que regulan a obtención, control, conservación e posta a disposición das imaxes dixitais xeradas a partir de documentos orixinais

Os traballos desenvolvidos concretáronse na consecución dos seguintes obxectivos:

-Ficheiros Tiff: 20.663
-Número de Expedentes montados: 1.544
-Planimetría procesada: 1.721

A especialidade de técnico en dixitalización 3D do patrimonio cultural tivo como obxectivo xeral formar a profesionais nas novas técnicas de rexistro e dixitalización 3D do patrimonio cultural.

O traballo realizado permitiu obter modelos tridimentsionais de elementos patrimoniais de carácter arquitectónico e arqueolóxico como son as Portas Miñá e de Santiago da Muralla de Lugo, os achádegos arqueolóxicos de San Roque ou da fonte de San Vicente de Lugo.