Cargando....
Concello de Lugo
23/02/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello leva tres meses agardando o permiso da Xunta para investir 450.000 euros en axudas a emprendedores


# Xoves, 08/05/2014


Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía informou á Mesa Local de Comercio da convocatoria de axudas por importe de 220.000 euros para negocios do Casco histórico e explicou que a Xunta aínda non du permiso para convocar axudas para o resto da cidade

O Alcalde pediulle á Conselleira de Traballo que interveña para axilizar a autorización que necesita o Concello pola Lei de Administracións locais de Rajoy



A  Concelleira de Economía, Sonia Méndez, lamentou hoxe que a falta de resposta da Xunta á solicitude que lle fixo o Concello mantén bloqueada a convocatoria de axudas por importe de 450.000 euros para emprendedores da cidade que non poden optar ás subvencións do Plan Urban.

O Concello leva tres meses agardando unha resposta da Xunta para poder facer a convocatoria das axudas, para as que están reservados os cartos, procedentes de fondos municipais, segundo lle explicou Méndez hoxe á Mesa Local de Comercio que tamén foi informada da convocatoria de axudas por importe de 220.000 euros das que sí se poden beneficiar os negocios do Casco histórico.

Coa entrada en vigor da nova Lei das Administracións locais aprobada polo Goberno de Rajoy, os Concellos non poden levar a cabo actuacións en materia de emprego nin de promoción do emprendemento sen contar con autorización da Comunidade Autónoma. Sen embargo, sí se poden executar ese tipo de accións cando se financian con fondos europeos, como sucede coas axudas que convoca o Plan Urban para negocios situados no Casco histórico.

O Concello de Lugo pediu a autorización da Xunta pero esta non acaba de emitir o informe necesario, polo que o Alcalde, José López Orozco, aproveitou a presenza en Lugo da Conselleira de Traballo, o pasado luns, para pedirlle que interveña e axilice a autorización da Xunta para desbloquear unhas axudas moi necesarias para os emprendedores de Lugo.

“Esperemos que a señora Conselleira se implique neste asunto”, manifestou Sonia Méndez quen lembrou que o Concello ten feitos todos os trámites para sacar a convocatoria agás a publicación, que non pode facer sen ter o informe favorable da Xunta de Galicia, do que depende que se poidan beneficiar destas subvencións moitos emprendedores lucenses.

Méndez tamén deu conta á Mesa Local de Comercio da nova convocatoria das axudas do Plan Urban para empresas do Casco histórico, por importe de 220.000 euros, que xa ten aberto o prazo de solicitude.

Para fomentar as novas actividades económicas no Casco histórico establécese unha partida de 120.000 euros. Neste caso, as solicitudes póden presentarse ata o día 27 de xuño.

A esta liña de axudas poden acollerse pemes que abran un centro de traballo na zona URBAN dende o 1 de xaneiro de 2014 coa condición de que xeren postos de traballo cun mínimo dun ano de duración ou sempre que se trate de negocios saídos dos viveiros de empresas do Concello, da Cámara de Comercio ou da CEL. Os investimentos subvencionables son tanto maquinaria ou ferramenta como mobiliario, equipos informáticos e a compra, construción ou rehabilitación do local necesario para o funcionamento da empresa. Cada empresa poderá recibir un tope de 15.000 euros. O máximo da axuda será do 50% do gasto e as achegas serán de 6.000 euros por posto de traballo ocupado por un home, de 8.000 se a persoa contratada é unha muller e, no caso de que os traballadores proveñan dalgunha actuación formativa promovida polo Plan URBAN, os importes máximos por posto de traballo incrementaranse en 4.000 euros.

A convocatoria de axudas a locais de negocio xa existentes para facelos máis atractivos e mellorar a estética das rúas do Centro de Lugo dispón dunha partida total de 100.000 euros.

Neste caso, o prazo de solicitude estará aberto ata o 20 de xuño e os conceptos subvencionables son cartelería, escaparates, toldos, fachadas, terrazas, ventás arqueolóxicas e patios de fachada, sobre todo os que dan cara o adarve da Muralla.

Para rótulos e toldos de fachadas, a axuda máxima será de 4.000 euros e para a mellora de fachadas establécese un límite de 300 euros por metro cadrado e de 120 euros/metro cadrado cando se trate de patios de fachada principal, incluído peche.

As achegas serán do 50% total de gastos a fondo perdido no caso de microempresas e pequenas empresas e do 40% no caso de medianas empresas, cun máximo de 15.000 euros por empresa beneficiaria e ano.

A convocatoria das dúas liñas de axuda a empresas situadas no Casco histórico faise dentro do Plan Urban, cofinanciado ó 80% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e que conta tamén con financiamento do Concello de Lugo e a Deputación provincial.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova