Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello xa contratou a redacción do proxecto para restaurar os restos da basílica romana atopados na traseira da Casa Consistorial


# Venres, 09/05/2014
Este importante achádego arqueolóxico saiu á luz coas obras de ampliación da Casa do Concello

O muro da basílica romana exhibirase no futuro Edificio de Novas Tecnoloxías


O Concello de Lugo xa contratou hoxe a redacción do proxecto de consolidación das estruturas de orixe romana descubertas durante as obras de ampliación da Casa Consistorial.

A Xunta de Compras aprobou na xuntanza que celebrou este venres, fóra da orde do día, contratarlle á empresa Tomos, cun importe de 1.815 euros, a redacción do proxecto de restauración e a direccion do mesmo, que hai que coordinar coa adaptación do proxecto de obra civil da construcción do Edificio de Novas Tecnoloxías.

No solar que ocupaban dous inmobles anexos á Casa Casa Consistorial que foron delomidos para construir o edificio de Novas Tecnoloxías apareceron os restos arqueolóxicos que se van restaurar e poñer en valor, conforme á proposta feita polo Servizo municipal de Arqueoloxía e coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

Na cata arqueolóxica realizada antes de construir o novo edificio atopáronse dous muros, un deles corresponde co muro perimetral da nave central da basílica, e outro paralelo a éste que se usou como base para algunha estrutura non identificada.

O Servizo Municipal de Arqueoloxía explica que os restos atopados consisten nun muro de peche da nave central que ten un grosor de 1,30 metros e está composto por opus caementicium, un tipo de formigón romano composto de cantos de rio e típico na zona norte, na base e por laxes de lousa na parte superior. O outro muro, máis pequeno, dun metro de anchura serviría como base para poñer un acceso ou para a instalación de estatuas. Esta basílica corresponde cun dos varios edificios que albergaba o Foro Romano de Lugo, o centro de negocios ou mercado de época romana, do que se sabe que tiña un ancho aproximado de 20 metros.

O solo da basilica está totalmente arrasado e non se atopou ningún tipo de estrato romano, xa que inicialmente estaba situado máis alto que na actualidade. Aínda que non se poda datar de maneira tan precisa, crese que debeu ser a partir da primeira metade do século I d. C.

Este descubrimento incorporarase ao proxecto do novo edificio de Novas Tecnoloxías e poderase visitar en situ ao ser a única mostra visible do Foro Romano da cidade, unha vez que estea rematado o Edificio das Novas Tecnoloxías. Este novo centro, que estará comunicado co edificio actual da Casa do Concello, contará con dúas plantas. Na planta baixa estará un espazo de atención ao público e haberá equipos informáticos inalámbricos a disposición dos usuarios ademais dos restos arqueolóxicos. Na primeira planta estarán as aulas de reunións que se poderán prestar para xuntanzas de emprendedores e empresarios que carezan dun espazo físico para levalas a cabo. O proxecto é unha nova intervención que leva a cabo en Lugo o Plan Urban, que ten un 80% de cofinanciación do FEDER da Unión Europea e o que tamén realizan achegas económicas o Concello de Lugo e a Deputación provincial.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova