Imprimir

O CONCELLO DE LUGO POTENCIARÁ O PACTO POLO EMPREGO PARA FOMENTAR A CREACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO E O ESPÍRITU EMPRESARIAL


16/5/2014 O Concello defende a necesidade de sumar esforzos e contará coa experiencia dos axentes sociais no desenvolvemento do proxecto europeo Lugo Emprego Activo

O Concello de Lugo potenciará o Pacto polo Emprego, que renunciou a liderar a Xunta de Galicia, xa que considera que a colaboración de institucións e axentes sociais é un mecanismo eficaz para dinamizar a creación de emprego e o espíritu empresarial.

Acorde con esta vontade de darlle un novo pulo ó Pacto polo Emprego e para aproveitar a experiencia e recursos dos distintos axentes sociais, o Goberno local decidiu darlle continuidade coa incorporación ó mesmo do proxecto europeo Lugo Emprego Activo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo “Adaptabilidade e Emprego”.

Os Pactos territoriais polo Emprego, que foran impulsados pola Xunta de Galicia durante o Goberno de coalición presidido por Emilio Pérez Touriño, esmoreceron nos últimos anos debido a que a Xunta de Feijóo renunciou a manter a aposta polas políticas de emprego.

Para o Concello de Lugo, esta é unha fórmula suficientemente acreditada en distitntos países europeos, que axuda a dinamizar a creación de emprego e o espíritu empresarial, xa que serven de punto de encontro, colaboración e acordo cos axentes sociais.

O Pacto polo Emprego de Lugo, coordinado polo Concello e do que forman parte os sindicatos Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores e Confederación Intersindical Galega, ten os seguintes obxectivos: formentar o espíritu empresarial e a mellora da adaptabilidade dos traballadores, empresas e empresarios, fomentar a empleabilidade, a inclusión social e a igualdade entre homes e mulleres e crear marcos de coordinación e intervención dos diferentes axentes sociais implicados nas políticas de emprego, así como un incremento e unha xestión coordinada do conxunto dos recursos públicos que se destinan ó emprego no municipio de Lugo.

Entre as súas funcións figuran o asesoramento e investigación das oportunidades de desenvolvemento e emprego, fundamentalmente vinculadas ós novos viveiros de emprego; propostas para o desenvolvemento de estratexias de apoio dirixidas á inserción laboral por conta allea, á creación de iniciativas empresariais e autoemprego e intercambio de boas prácticas en formación para o emprego e inserción laboral.