Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Máis de 200 actividades das que case a metade son novedosas encherán as rúas da cidade durante o Arde Lucus 2014


# Xoves, 22/05/2014
Por primeira vez preto de 800 persoas de diferentes asociacións de recreación histórica desfilarán pola Ronda da Muralla o sábado 14 de xuño

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Cultura destacou a importancia económica que esta celebración ten para a cidade

A Deputación de Lugo organiza diferentes talleres para a elaboración de traxes durante as dúas semanas anteriores ao Arde Lucus no Centrad e na Praza de San Marcos

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron esta mañá o programa do Arde Lucus 2014, festa que acada este ano a súa decimoterceira edición co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego e que se desenvolverá dende o 13 ao 15 de xuño. No acto tamén estivo a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín.

Na presentación, na que estiveron membros de diferentes asociacións romanas e castrexas e algúns dos colaboradores, o Alcalde manifestou “a importancia do Arde Lucus como unha festa do conxunto dos lucenses que a fixeron propia e que se involucran de tal maneira porque queremos e nos sentimos orgullosos do noso pasado romano e esa é unha das sinais de identidade desta cidade” xa que Lugo é imposible entendelo sen o seu pasado romano.

López Orozco tamén indicou a gran repercusión que ten esta festa a nivel de turismo e a nivel económico para os lucenses xa que “conseguiu chegar a moitos lugares de España e de fóra como unha festa espectacular que cada ano conta con mellores atraccións”. Asemesmo, tamén agradeu o traballo que realizan os funcionarios, colaboradores e asociacións para que todo saia perfecto.

“Este ano hai máis de 200 actividades, das que máis de 70 son novas con respecto ás edicións anteriores aínda que se seguen mantendo as clásicas” segundo indicou Basadre que, ademais, sinalou que hai varias novidades importantes. Así, por primeira vez, preto de 800 persoas das asociacións romanas e castrexas e das tropas que nos visitan doutras zonas de España e Portugal, desfilarán pola Ronda da Muralla o sábado 14 de xuño a partir das 20 horas, “unha maneira perfecta de facer máis visible a Muralla que é o que nos representa aos lucenses” segundo Carmen Basadre.

As novidades comezan xa o primeiro día coa representación da entrada das lexións romanas ao mando do Xeneral Caio Antistio “O Vello” e as tropas castrexas pola Ponte Romana a partir das 20 horas do venres 13 de xuño, e unha posterior recepción do Xeneral Caio Antitio e de Paulo Fabio Máximo na Praza Maior.

Este ano tamén estarán os gladiadores romanos chegados de Bérgamo e que interacturán co público que asista as súas loitas, son os Ars Dimicandi, uns especialistas que participaron, entre outros, na serie de televisión Roma, e que este ano aumentan o número de participantes pasando dos cinco da edición pasado a 21 nestes edición.

Outras das novidades é o irmanamento entre a asociación cultural Tierraquemada de Numancia  e as asociacións Guardia Pretoriana e Trebas Galaicas. Tamén este ano se dan cambios de ubicacións de algúns campamentos xa que se incorporan novas asociacións como son Mercenarios Galaicos que terán o seu campamento na Rúa Soto Freire, e a Guardia Pretoriana que estarán acampados na Praciña da Universidade, os demais campamentos seguen nos mesmos espazos. Outra das actividades que cambian de ubicación é o encontro final entre as lexións romanas e as tribos castrexas que este ano se celebrará no Parque Rosalía de Castro.

Como novidade tamén haberá un espazo para O lugar das Ornatrix na que os perruqueiros de Lucus Augusti realizarán peiteados de época a todas as persoas que se acheguen polo tramo peonil da Muralla. Este ano, por primeira vez, tamén haberá un grupo de vestais que estarán vixiando o lume sagrado e que estará situado na Praza de Campo Castelo e onde se organizarán diferentes actividades.

Como en anos anteriores haberá o Macellum, onde se poderán mercar produtos típicos, espectáculos de teatro pola rúa, as vodas e bautizos polo rito celta e romano, desfiles de tropas, as bacanais ou as loitas entre romanos e castrexos. Tamén haberá o clásico Circo Romano, que terá novidades; a constitución do senado romano, formado por veciños da cidade que levarán a cabo diferentes actuacións; a constitución das Asamblearias, un grupo de mulleres guerreiras que a través da dialéctica comprometerá ao Senado; unhas olimpiadas romanas protagonizadas por clubes deportivos da cidade entre as que haberá loitas grecorromanas ou esgrima clásica entre outras moitas actuacións.

A  Castra de Lucus Augusti estará situada nun espazo verde situado no Carril dos Fornos, que conta cunha zona amplia para a realización de diferentes actividades. Nel montarán os campamentos as asociacións de Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Lugdunum, Terra Copora e Tir Na N'Og, e Lvcvs Eqvites. A Cohors III Lucensium asentarase na Praza Maior que realizará varios desfiles ao longo do fin de semana. Finalmente, o campamento Trebas Galaicas estará situado no cantiño de Nemesio Cobreros, ao carón do de Mercenarios Galaicos que estarán na rúa Soto Freire.

Tamén é o caso do Miúdo Arde, situado na Praza de San Marcos, na que desenvolverá o seu apertado programa e que se presentará como novidade Mirari Papilonsi e numerosas actividades de teatro e animación para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

A Concelleira de Cultura animou a todos a participar e “a que a xente disfrute e revivan o noso pasado porque desa maneira tamén estamos facendo historia ademais de que nos tempos complicados que nos tocaron vivir tamén se necesita algo de disfrute moito grazas aos veciños e veciñas que se involucran para que esto saia perfecto”.

Neste 2013, puxéronse novamente en marcha obradoiros destinados á comunidade escolar e, a través, da participación das asociacións de recreación histórica da nosa cidade nas actividades do Arde Lucus e nas previas do Lvcvs Cultural.

As empresas patrocinadoras deste Arde Lucus 2014son: Excma. Deputación Provincial de Lugo, Leyma, Río Natura, Novagalicia Banco, Gestagua, Asogal, Caixa Rural Galega, Café Candelas, Urbaser, As Termas, Coca-Cola, Gadis, Seur, Regina Viarum, Calfensa, Epsa, Her-Vei, Cook, Hiperfrut, Eroski Center, Balneario de Lugo, Adega e Viñedos Miguel Ángel Garrido, Asociación Española de Fiestas y Recreación Histórica, Confederación Europea de Festas e Recreación Histórica. O programa poderá descargarse dende mañá venres na páxina web do Arde Lucus www.ardelucus.com 

Actividades Deputación de Lugo

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, subliñou o compromiso da institución provincial co Arde Lucus, pola importancia que esta cita ten para a economía lucense. 

Polín destacou o convenio que a Deputacion de Lugo vén de asinar co Concello, por valor de 18.000 euros, en resposta á convicción dos responsable provinciais do fundamental de manter unha intensa colaboración entre institucións, para impulsar unha festividade que é un atractivo engadido cultural e turístico, que sitúa a Lugo nun lugar de referencia no mapa de España.

Ademais anunciou que a Deputación, a través do Centro de Artesanía e Deseño, porá en marcha diversas iniciativas coas que aumentar máis se cabe a ampla oferta lúdica e cultural para esa semana de celebracións. Durante a primeira semana de xuño, todos os lucenses e visitantes que o desexen poderán achegarse co seu material para recibir consello profesional para a confección de traxes e complementos. Pero tamén os máis rezagados poderán facer o mesmo a propia semana do Arde Lucus: dos días 9 ó 12 de xuño, artesáns do Centrad permanecerán na Praza de San Marcos axudando a elaborar tanto traxes e ornamentos, coma complementos de coiro.

Unha vez rematado o Arde Lucus, o Centro acollerá unha exposición con obxectos empregados pola Cohors III Lucensium nas súas recreacións que, posteriormente, poderá achegarse ata todos os Concellos da provincia.

Entradas Circo

A Concelleira de Cultura tamén anunciou que o día 3 de xuño se porán a venda as entradas para o Circo Romano que se farán a través da web www.entradas.lugo.es  cun servidor propio do Concello polo que os que as merquen aforrarán os gastos de xestión coa entidade bancaria. O prezo das entradas será de 2 euros.

Grupo Alsa e Iberia

Un ano máis, o Grupo Alsa, fará un desconto do 25% a todas as persoas que queiran achegarse a desfrutar o Arde Lucus, que se celebra os días 13, 14 e 15 de xuño. Neste sentido comprometéronse a emitir un vídeo de 20 minutos sobre o Arde Lucus e o que representa para a cidade no canal de entretemento a bordo dos que dispoñen todos os autobuses. Ademáis tamén anunciou que se fará un acordo para que as liñas internacionais de Alsa leven publicidade de Lugo por todo Europa. Un ano máis tamén se comprometen a crear un banner na páxina web (www.alsa.es ) onde se poderá obter toda a información para a compra dos billetes e sobre a programación do Arde Lucus. Dende esta aplicación farase o desconto do 25% para aquelas persoas que merquen un billete para a cidade de Lugo entre os días 10 e o 17 de xuño.

A compañía aérea Iberia tamén fará un 15% de desconto aos billetes de avión con destino aos aeroportos de Santiago de Compostela e de Coruña durante as datas da festa do Arde Lucus.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova