Cargando....
Concello de Lugo
16/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O soto da Praza de Abastos acolle este sábado a IV Feira Ecolóxica de Lugo


# Mércores, 28/05/2014
O Concelleiro de Servizos Xerais e o Presidente de Craega presentaron hoxe a cuarta edición da feira que conta con 13 postos diferentes e que estará aberta de 9.30 a 20.00

Imaxe Asociada
O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá, Manuel Núñez e o Presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, José Antonio Fernández, presentaron hoxe a cuarta edición da Feira Ecolóxica de Lugo, que se vai celebrar este sábado día 31 de maio no soto da Praza de Abastos.

Manuel Núñez destacou que o Concello colabora na organización desta Feira co doble obxectivo de dinamizar a Praza de Abastos e de axudar a un sector potencialmente importante para o agro galego como é a agricultura ecolóxica.

A Feira desenvolverase na planta inferior  e estará aberta con horario continuado, de 9.30 a 20.00 horas e ademais de exposición e venda de produtos haberá degustacións e catas comentadas.

“O principal propósito do Concello con iniciativas coma esta é o de abrir a Praza de Abastos a todo tipo de mercados e de clientes e que a celebración deste tipo de feiras nas instalacións municipais contribúa á dinamización da Praza e tamén do seu entorno”, explicou Manuel Núñez. Ademais explicou que serán 13 postos nos que se poderán atopar dende xeados, conservas, castañas, verduras e cárnicos entre outros.

Pola súa parte, José Antonio Fernández agradeceulle ó Concello a cesión da Praza de Abastos para a celebración da Feira e salientou a satisfacción dos produtores que participaron nas anteriores edicións e que tiveron bos resultados económicos xa que son moitas as persoas que se pasan por esta Feira.

Respecto da marcha do sector da agricultura ecolóxica, o Presidente de Craega sinalou que o balance que se fai no sector é positivo xa que a finais de 2013 había 656 produtores rexistrados en Galicia cun total de 15.670 hectáreas certificadas e unha facturación de 25.916.446,78 euros. Por produtos, o leite foi o que tivo maior facturación, con 8,5 millóns de euros. Tamén destacou que Lugo é a provincia con maior número de operadores inscritos e a que máis facturación rexistra.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova