Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

As obras imprescindibles no Cuartel de San Fernando custan máis de 181.000 euros


# Mércores, 28/05/2014
O Concello agarda que a Xunta colabore económicamente no mantemento do edificio, declarado BIC e futura sede do Museo da Romanización

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde pediulle por escrito unha entrevista ó Presidente da Xunta para desbloquear a negativa do Goberno galego a recibir o inmoble

Os lucenses poderanse bañar nos Robles este verán a prezos populares

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, presentou hoxe o informe técnico elaborado pola Empresa da Vivenda e Solo de Lugo -Evislusa- por encargo do Concello para coñecer con exactitude o grao de deterioro que sofre o Cuartel de San Fernando que avalía en 181.308 euros o custe das obras máis urxentes. 

“Unha vez máis o Concello ten que sair ó rescate da Xunta”, dixo Luis Álvarez e lembrou que “temos unha longa tradición resolvendo asuntos que son competencia da Xunta, como o Plan Paradai ou o caso do Cuartel de San Fernando”.

Álvarez ironizou ó sinalar que “xa que facemos nós o que a Xunta non fai case vai ser mellor que o Alcalde asuma tamén a Presidencia da Xunta”.

Precisamente, o Voceiro do Goberno local deu conta de que hoxe mesmo o Alcalde mandoulle unha carta ó Presidente da Xunta, “porque non é de recibo de, ademais de facer esta avaliación, todos os lucenses teñamos que pagar 181.000 euros e dou por suposto o apoio de Jaime Castiñeira a que a Xunta debe colaborar”. 

O Alcalde solicitou unha entrevista co Presidente da Xunta para atopar unha solución á construción do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando. Trátase de desbloquear a situación creada pola negativa do Goberno galego a recibir o edificio en cumprimento do convenio asinado no seu día pola Xunta e o Concello. 

Luis Álvarez agarda que a Xunta acceda a colaborar nos arranxos máis urxentes e imprescindibles no Cuartel de San Fernando, un edificio que o Goberno declarou Ben de Interese Cultural en 2009 e elixido como sede do Museo da Romanización, para o que a propia Xunta convocou e fallou un concurso de ideas. 

Dacordo co estudo de Evislusa, entre outras actuacións é necesario facer reparacións na cuberta para evitar a entrada de humidade ó interior do inmoble e o reforzo e apuntalamento dos forxados para manter a súa seguridade estrutural. Como se sabe, hai varias semanas que o Concello decidiu valar o edificio para garantir a seguridade dos peóns.

O Voceiro do Goberno local tamén explicou que o Concello, ademais de encargar este informe a Evislusa ten previsto realizar os traballos de limpeza e desbroce do patio do Cuartel, labores que realizarán empregados municipais  baixo a supervisión do servizo municipal de Arqueoloxía 

Zona de baño para o verán

O Voceiro do Goberno local tamén anunciou que este verán os lucenses poderán disfrutar dunha zona de baño e ocio no río Miño, na zona dos Robles, grazas á colaboración entre o Concello e a Deputación provincial. 

Luis Álvarez explicou que grazas a este proxecto no que colaboran as dúas administracións, xa foron creadas dúas zonas de parque infantil, unha delas cuberta, e neste verán vanse instalar dúas casetas prefabricadas de madeira, cada unha delas con tres cabinas, que se empregarán como vestiarios e xa foron adquiridas polo que se colocarán de xeito inmediato. Ademais instalaranse unhas cabinas sanitarias e os lucenses poderanse bañar nas piscinas dos Robles a prezos populares, idénticos ós establecidos para a piscina municipal ó aire libre de Frigsa. 

“Consideramos que con estas medidas imos conseguir que todos os lucenses dispoñan dunha boa zona de ocio e de baño”, salientou Luis Álvarez.

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente destacou que o Concello de Lugo e a Deputación provincial “colaboramos para dar servizos ós veciños e pensamos que o ocio tamén é un dereito”. Neste sentido indicou que “temos detectada a necesidade de dar este tipo de servizo porque cada vez e maior o número de persoas que non poden permitirse disfrutar dunhas vacacións na costa nin siquera facendo moitos esforzos económicos”.

Tamén explicou o Voceiro do Goberno local que vistos os atrancos que facían “extraordinariamente complexa e lenta a tramitación  dos permisos da Confederación necesarios para poder instalar dos pantaláns proxectados no río Miño”, optouse por desistir da idea inicial e o investimento previsto adicarase á creación na zona de novas infraestruturas para o lecer como son a construción doutra área de xogos infantís e dunha pista polideportiva.

Acordos da Xunta de Goberno 

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases para a elaboración dunha lista de destinada á cobertura temporal de prazas de operario/a. As bases rexerán a selección de persoal laboral temporal para prestar servizo e así cubrir as necesidades que se demandan como consecuencia da ausencia de persoal fixo. Nelas establécese que o sistema de selección consistirá en dúas fases, unha proba escrita de carácter  eliminatorio, e un baremo de méritos. Os aspirantes deben estar en posesion do graduado escolar ou título superior.

Tamén na área de Persoal, autorizouse a realización de servizos extraordinarios por persoal pertencente ó servizo de extinción de incendios, con motivo da celebración do Arde Lucus. Acórdase a aprobación de 70 horas extraordinarias para o campamento do Arde Lucus e poder reforzar o servizo con persoal durante os tres días.

Outra decisión que tomou o Goberno local na xuntanza desta mañá foi a concesión dunha licenza de obra para a construción dun edificio na rúa Armanyá, números 33-35.

A Xunta de Goberno aprobou, ademais, poñer en marcha o procedemento aberto para a contratación do servizo de centro de día Novo Antonio Gandoy establecéndose o prazo de duración do contrato ata o 31 de decembro de 2015 ou periodo inferior no caso de que a Xunta asuma as competencias referentes á prestación dos servizos sociais. O prezo da anualidade será de 378.635 euros, ive incluido. O número de prazas é de 50 e o persoal necesario segundo o contrato será de mínimo 16 persoas entre xerocultores, médico, enfermeira, fisoterapeuta e psicólogo.

Tamén foi aprobada a revisión de prezos dos contratos, dacordo co IPC, coas adxudicatarias dos servizos de coordinación e desenvolvemento de actividades na Casa da Xuventude e a Casa da Música, resultando un prezo de 61.115 euros, e das actividades de animación sociocultural para desenvolver pola Área de Xuventude (programas Previlugo, Asesorías Xuvenís e Arde Lucus), cun prezo de 26.217 euros. 

Asimesmo, o Goberno local tomou o acordo de incautación da garantía definitiva, por un importe de 28.941 euros, depositada pola empresa que construíu a Casa da Xuventude, por non ter subsanadas as patoloxías detectadas trala entrada en servizo do edificio,  consistentes en deficiencias de impermeabilización e selado de varios lucernarios ademais da sustitución do alicatado.

Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova