Imprimir

O CONCELLO DE LUGO TRABALLA NA IMPLANTACIÓN DO PLAN DE MOBILIDADE E ESTUDA MEDIDAS PARA FOMENTAR O USO DA BICICLETA


2/6/2014

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez, vaille dar un novo pulo á implantación do Plan de Mobilidade e para elo ten en marcha distintas actuacións.

A Xunta de Compras do Concello vén de aprobar a contratación á Agencia Ecológica Urbana de Barcelona (ente público que forman o Concello, a Deputación e a área metropolitana de Barcelona e que foi quen elaborou os documentos do noso Plan de Mobilidade) que faga algúns axustes nos contidos do Plan. O custe previsto deste traballo é de 18.408 euros.

Ademais o Concello quere valorar qué medidas se poden tomar a curto prazo para fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte, dacordo coas recomendacións que fai o Plan de Mobilidade.

Neste sentido,  a Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente acaba de obter o respaldo da Rede Civinet España e Portugal que lle permitiu acadar unha subvención económica por importe de 7.500 euros para a execución un proxecto que axudará a priorizar estas medidas.

A subvención procede de fondos europeos e foi solicitada pola Concellería de Urbanismo e Medio ambiente para o proxecto "Lugo bike plan" a un programa que se chama "Civitas Activity fund", que está cofinanciado pola Unión Europea. Con eses cartos contribúen para a realización dun traballo sobre as medidas de fomento do uso da bicicleta como medio de locomoción que se aplican noutras cidades europeas con máis tradición nelo e que poden ser aplicadas a Lugo.

O traballo deberá estar rematado a finais deste ano e nel Lugo estará tutelado pola cidade holandesa de Utrecht, na que teñen moita máis experiencia no uso da bicicleta e que nos axudarán para que o noso traballo cumpra cos obxectivos esixidos.