Imprimir

ESTE SÁBADO CELÉBRASE A IV FOLIADA DE ORBAZAI CON NOVAS ACTIVIDADES E UNHA EXPOSICIÓN DE ARTESANÍA


3/6/2014 Dende as 17 horas haberá diferentes actuacións musicais de grupos de toda a provincia de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a vicepresidenta da Asociación de Veciños de Orbazai, Puri Carreira, presentaron a IV Foliada de Orbazai que se celebra este sábado 7 de xuño.

Os actos comezarán ás 11.30 cunha misa solemne e a apertura dos postos de artesanía ás 12.00 horas. Xa pola tarde, a partir das 17 horas, celebrarase o encontro de grupos de música tradicional no campo da festa da parroquia de Orbazai. Nesta cuarta edición da Foliada de Orbazai participaran os grupos: Argalleiros de Fingoi, Os Valuros, Penas de Rodas, Antaruxas e Sorteiros, Reviravolta, Airiños de Neira, Os Xílgaros e Airiños de Orbazai (Lugo).

Carmen Basadre animou a todos os veciños de Lugo a achegarse ao campo da festa de Orbazai para desfrutar dunha xornada de música tradicional ao aire libre e destacou a “importancia de que cada parroquia destaque por algunha particularidade e Orbazai faino pola recuperación da cultura tradicional e a música”.

A Vicepresidenta da Asociación de Veciños de Orbazai, organizadora do evento, convidou a todos os lucenses a participar ademais de invitar “ao final dos concertos a todos os participantes e asistentes a tomar uns pinchos por cortesía da organización”. Tamén informou que nesta edición a presentadora da Foliada de Orbazai será a xornalista Mª Xosé Fernández Azpeitia.