Imprimir

UNHA PROXECCIÓN MULTIMEDIA NO PAZO DAS POMBAS E UN MOSAICO XIGANTE ELABORADO POR TERRA COPORA SERÁN ALGUNHA DAS ACTIVIDADES QUE SE PODERÁN VER DURANTE O ARDE LUCUS 2014


12/6/2014 Carmen Basadre lembrou a importancia de que se involucren os propios veciños e veciñas e asociacións con diferentes actividades que complementan o programa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou esta mañá dúas das actividades que se poderán desfrutar durante este fin de semana do Arde Lucus 2014.

Carmen Basadre explicou que “estas son algunhas das actividades que se realizan por iniciativa dos propios veciños e veciñas e cremos que ese é o éxito desta festa, que os se involcren todos os cidadáns e desfruten do noso pasado”.

A primeira das actividades presentadas é a proxección multimedia Columbarium, Transcurrunt dies, creada por Adolfo de Abel Vilela e por Xesús Fraga e que terá lugar no Pazo das Pombas durante a noite de mañá venres e do sábado 14 cunha duración de dez minutos cada un deles. As proxeccións faranse o venres 13 ás 23.30, ás 00.30 e ás 01.30 horas, xa o sábado serán ás 23.30, 00.30, 01.30 e 02.30 horas.

Segundo explicou Adolfo de Abel Vilela Esta actividade está enmarcada no programa de activididades culturais iniciado o ano pasado polo Pazo das Pombas, nesta ocasión empregarán canóns de proxección e diferentes softwares para modificar a apariencia da fachada que será a pantalla na que se desenvolva unha historia romana. Así con diferentes efectos de movemento tridimensional e cunha coidada posta en escea tanto auditiva como visual os que se acheguen a ver o espectaculo terán a sensación de estar metidos na historia do pasado que desenvolve.

Moisaco Terra Copora

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da lingua, Carmen Basadre, tamén presentou xunto con Anabel Saulo da Asociación Terra Copora, o proxecto para a realización dun mosaico xigante no campamento de dita asociación.

Anabel Saulo explicou que se trata dun mosaico de 80x80 centímetros que terán no campamento de Terra Copora situado na Castra de Carril dos Fornos e que se irá facendo coas teselas elaboradas pola asociación pero que irán colocando no seu sitio as persoas que os visiten. O mosaico vai ser unha representación do mosaico aparecido da Domus Oceani e unha vez rematado o Arde Lucus vaise sortear a través do facebook de Terra Copora entre todas as persoas que suban algunha foto na que se lles vexa colaborando coa realización do mosaico. Os primeiros en poñer as teselas serán 150 nenos e nenas de diferentes colexios de Ferrol e de Lugo que se achegarán a coñecer o campamento durante a mañá do venres 13.