Imprimir

O CONCELLO COMEZA A TRAMITACIÓN DA MODIFICACIÓN DO PEPRI NA CONFLUENCIA DE SAN ROQUE CON CARRIL DAS FLORES


18/6/2014 A actuación prevista resolverá o paso de peóns, permitirá eliminar a pasarela e mellorará o acceso ó Carril das Flores

O Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou que o Goberno local está a tramitar unha modificación puntual do Plan Especial de Protección e Rehabilitación e Reforma Interior que suporá a ampliación da rúa San Roque na confluencia coa Ronda da Muralla e o ensanchamento do Carril das Flores.

Luis Álvarez informou de que a Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente este mércores a modificación do PEPRI na mazá correspondente á esquina San Roque con Carril das Flores.

“Trátase dun proxecto que vai permitir a reordenación da zona sen superar a edificabilidade establecida para a zona”, explicou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente que confía en que “nun prazo moi breve de tempo poidamos dispoñer unha importante mellora para esa zona da cidade de Lugo”.

Esta actuación supón o retranqueo da nova edificación respecto á alineación das parcelas cara a Ronda da Muralla e Rúa San Roque de maneira que se ensancha esta última rúa, que pasará a ter un terceiro carril nesa zona e a incorporación dun novo carril para o acceso ó Carril das Flores.

Con este proxecto resólvese o tránsito peonil mediante a creación dunha beirarrúa que permitirá prescindir da pasarela existente na zona ó tempo que se porá fin ó angosto acceso de vehículos ó Carril das Flores, que na actualidade queda constreñido pola pasarela e o valado existentes na zona.