Cargando....
Concello de Lugo
30/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo abre expedente sancionador a Urbaser polo incumprimento dos servizos mínimos na folga de limpeza e recollida do lixo


# Mércores, 18/06/2014
 O Goberno local dá dúas horas de prazo á concesionaria para que comece a limpeza dos lugares con declaración de alerta sanitaria 



 O Concello de Lugo abriu hoxe un expedente sancionador á empresa Urbaser como presunta responsable dunha infracción contractual polo incumprimento dos servizos mínimos establecidos con motivo da folga do servizo de limpeza e recollida do lixo.

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, deu conta desta decisión, acompañada dun ultimatum para que hoxe mesmo Urbaser comece a limpeza dos puntos con declaración de alerta sanitaria.

Luis Álvarez detallou que a apertura do expedente sancionador faise pola comisión dunha falta considerada moi grave, que leva aparellada unha sanción de entre 3.050 e 6.010 euros. 

O acordo de abrir expedente sancionador a Urbaser tomona esta mañá a Xunta de Goberno Local fóra da orde do día e por motivos de urxencia, segundo informou na rolda de prensa posterior o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente.

Ademais, o Concello fíxolle un requerimento a Urbaser para que, no prazo de cinco días. inicie o cumprimento dos servizos mínimos coa advertencia de que, de non facelo, porase en marcha o expedente de caducidade da concesión. 

Alerta sanitaria: ultimatum de dúas horas

Luis Álvarez tamén comunicou que o Goberno local tomou a decisión esta mesma mañá de mandarlle un requerimento urxente á empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida do lixo, cun prazo máximo de dúas horas, para que inicie a recollida, cos servizos propios do contrato, nas zonas nas que hai declarada situación de alerta sanitaria. 

 “Xa se acabou a esixencia para negociar, agora o que se require é para que cumpran, de xeito inmediato, eses servizos nos puntos con declaración de alerta sanitaria”, recalcou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente. 

“Dúas horas, dámoslle dúas horas para que os camións de Urbaser estean recollendo o lixo nos puntos nos que foi imposible, cos medios de Tragsa, levar a cabo o deber que ten o Concello de Lugo de retirar os residuos das rúas”, destacou Luis Álvarez. 

Tamén revelou o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente que o Concello xa mantivo contactos coa Delegación do Goberno en Galicia para solicitar, se fose preciso, no caso de que Urbaser no cumprira este requerimento, a intervención de Unidade Militar de Emerxencia.

“Con temas de saúde pública non estamos para templar gaitas, a obriga do Goberno é 
garantir a seguridade dos cidadáns”, advertiu Luis Álvarez.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova