Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello licitará as obras pendentes da fase primeira do Centro cultural do Vello Cárcere


# Xoves, 19/06/2014
A Xunta de Goberno acorda resolver o contrato coa UTE Galdiano-Zut que non acaba as obras nin as cede a outra empresa

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Con esta decisión, o Goberno local garante que os traballos estarán rematados antes de acabar 2015 para contar co financiamento do Plan Urban


O Concello de Lugo sacará a licitación as obras pendentes da primeira fase do proxecto do Centro cultural do Vello Cárcere para asegurar o remate dos traballos en prazo.

Anunciouno a  Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, que deu conta da celebración, hoxe, dunha Xunta Local de Goberno extraordinaria na que se acordou a rescisión do contrato coa UTE Galdiano-Zut, paso previo á nova licitación coa que o Concello garante que as obras estarán rematadas antes de acabar o ano 2015, cando vencen os fondos FEDER da Unión Europea cos que se financian as obras. 

O Concello acordou sacar de novo a licitación as obras que quedaron pendentes polos problemas económicos que sofriu unha das empresas da UTE Galdiano-Zut, que gañou a adxudicación no seu día.

Coa decisión de licitar os traballos pendentes de rematar, o Concello asegura que as obras rematarán en prazo dado que o Goberno local xa realizou todas as xestións que estaban na súa man para que a adxudicataria acabara a obra ou a cedera a outra empresa.

De feito, a concesionaria da segunda fase, a construtora San José, amosou o seu interese en facerse cargo dos traballos pendentes da primeira fase pero a formalización desa cesión aínda non obra en poder do Concello, polo que o Goberno local considera que non é prudente seguir agardando, xa que as obras levan paralizadas dende outubro de 2013 e teñen que estar rematadas a finais de 2015, cando remata o Plan Urban. 

“É necesario tomar decisións rápidas para que a obra está rematada en prazo porque o Plan Urban ten que estar rematado a 31 decembro de 2015 e podo afirmar que imos cumprir os prazos”, explicou Sonia Méndez.

Por este motivo, a Xunta de Goberno Local tomou o acordo hoxe de resolver o contrato coa UTE adxudicataria da primeira fase, o implica a nova licitación para executar as obras pendentes previa redefinición do proxecto, para actualizar os traballos que restan por facer, por parte dos arquitectos Creus e Carrasco.


Méndez destacou que a adxudicación farase o antes posible, dentro dos prazos administrativos e sempre cumprindo coa legalidade, e tamén salientou que “evidentemente esixiremos as responsabilidades económicas correspondentes á UTE polos perxuizos ocasionados polos seus incumprimentos do contrato”.

Salientou tamén que non se agarda que se vaia producir un sobrecusto das obras, tendo en conta as importantes baixas e o elevado número de empresas que optan nos últimos tempos ós distintos concursos de obras convocados polo Concello. En todo caso, lembrou que se reclamará calquera prexuizo económico que poida sufrir o Concello. De feito, a Xunta de Goberno Local xa aprobou hoxe mesmo a incautación da garantía depositada pola adxudicataria, que ascende a 100.000 euros.

A primeira fase das obras do Centro cultural do Vello Cárcere corresponde coa parte traseira do edificio e o patio, lugares onde está previsto crear unha zona de exposicións, aulas para talleres e uns módulos adicados ó Servizo Municipal de Arqueoloxía.

Tocante á segunda fase da obra, que está a executar, dentro dos prazos previstos, a construtora San José, os traballos execútanse na zona dianteira na que se creará un pequeno auditorio ou sala de teatro. O proxecto nesta segunda fase tamén inclúe un módulo para unha pequena biblioteca e, na parte superior, unha cafetería con vistas á Muralla.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova