Ata o 10 de xullo está aberto o prazo para solicitar as axudas que concede o Concello para adquisición de material escolar de educación infantil
# Luns, 23/06/2014
O Concello entregou 365 bolsas de libros e material escolar no curso que vén de rematar
A Concelleira de Educación, Formación e Orientación laboral, Esther Muñoz, anunciou hoxe que xa se poden solicitar as axudas que convoca o Concello de Lugo para a adquisición de material escolar.
O prazo para presentar as solicitudes das bolsas escolares de axuda para educación infantil para o curso 2014-2015 permanecerá aberto ata o día 10 de xullo.
Un ano máis o Concello segue a aumentar a partida destinada a axudar ás familias con menos recursos a comprar material escolar. Desde o ano 2011 o Concello de Lugo aumentou o importe total desta partida en case un 50%. Neste curso adicará un total de 31.800 euros para atender o maior número posible de familias.
No curso que remata, a Concellería de Educación concedeu un total de 365 bolsas a outros tantos nenos e nenas. Estas axudas municipais consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros con destino á compra de libros ou material escolar.
Estas axudas teñen por obxecto a concesión de subvencións a familias con escasos recursos para a adquisición de libros de texto e material educativo para o segundo ciclo de infantil (3 a 5 anos) e para alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos.
Para acceder ás axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno estea censado en Lugo.
O formulario pódese descargar na páxina web do Concello www.lugo.es ou recollelo nas dependencias da Concellería de Educación, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.
As solicitudes deben presentarse no Rexistro municipal.
Compartir: