A Concelleira de Educación, Formación e Orientación laboral, Esther Muñoz, anunciou hoxe que xa se poden solicitar as axudas que convoca o Concello de Lugo para a adquisición de material escolar.
O prazo para presentar as solicitudes das bolsas escolares de axuda para educación infantil para o curso 2014-2015 permanecerá aberto ata o día 10 de xullo.
Un ano máis o Concello segue a aumentar a partida destinada a axudar ás familias con menos recursos a comprar material escolar. Desde o ano 2011 o Concello de Lugo aumentou o importe total desta partida en case un 50%. Neste curso adicará un total de 31.800 euros para atender o maior número posible de familias.
No curso que remata, a Concellería de Educación concedeu un total de 365 bolsas a outros tantos nenos e nenas. Estas axudas municipais consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros con destino á compra de libros ou material escolar.
Estas axudas teñen por obxecto a concesión de subvencións a familias con escasos recursos para a adquisición de libros de texto e material educativo para o segundo ciclo de infantil (3 a 5 anos) e para alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos.
Para acceder ás axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno estea censado en Lugo.
O formulario pódese descargar na páxina web do Concello www.lugo.es ou recollelo nas dependencias da Concellería de Educación, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.
As solicitudes deben presentarse no Rexistro municipal.