Imprimir

A MESA LOCAL DE COMERCIO RECLAMA Á XUNTA A AUTORIZACIÓN QUE AGARDA O CONCELLO PARA PODER AXUDAR ÓS EMPRENDEDORES


27/6/2014 O Concello leva seis meses agardando o permiso da Xunta que lle permita convocar subvencións por importe de 450.000 euros

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, felicitouse hoxe polo acordo tomado esta mañá pola Mesa Local de Comercio que decidiu reclamarlle á Xunta de Galicia que autorice ó Concello a dar axudas ós emprendedores de Lugo.

Sonia Méndez destacou que este acordo tomouse por unanimidade, e considerou "un feito histórico, que o Partido Popular de Lugo se sume a unha reivindicación á Xunta de Galicia” e lle reclame algo para Lugo ó Goberno de Feijóo.

O Concello leva agardando dende o día 4 de febreiro a resposta da Xunta de Galicia para poder investir estes cartos municipais en axudas ós emprendedores, xa que a nova Lei das administracións públicas de Rajoy impide que os concellos actúen nesta materia sen o permiso da Comunidade Autónoma respectiva.

A falta dunha resposta favorable da Xunta neste tempo mantén bloqueados 450.000 euros que o Concello de Lugo quere destinar a axudar ós autónomos, comerciantes e emprendedores da cidade.

Sonia Méndez explicou que “para que o Concello poida dispoñer deses cartos, que son fondos municipais procedentes de aforros, para convocar unha liña de axudas a micropemes da nosa cidade é necesario que a Xunta emita resolución favorable”.

Por este motivo, Méndez felicitouse porque a Mesa Local de Comercio, integrada polo Goberno local, Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e as asociacións do sector (Asociación de Hostaleiros, Fedederación de Comercio, Asociación de Mulleres Autónomas, Asociación de Mulleres Empresarias e Asociación de Xóvenes Empresarios),  “todos acordamos, por unanimidade, solicitar á Xunta que emita resolución favorable o antes posible para que o Concello poida dispoñer dos seus propios fondos para adicalos ás empresas de Lugo”.

“Agora trasladarémoslle este acordo á Xunta e agardamos que se poña as pilas dunha vez e resolva favorablemente para o Concello”, declarou a Concelleira de Economía.  

Méndez tamén informou doutro importante acordo da Mesa Local de Comercio que deu o seu apoio á solicitude dunha subvención á Xunta de Galicia para a execución da primeira fase das obras na Praza de Abastos. Estas obras, que xa foron licitadas porque son as máis urxentes e as máis demandadas polos comerciantes, corresponden ó cambio da cuberta e a fachada da Praza.
 
O Concello solicitou acollerse a unha liña de axudas da Xunta, xa que o proxecto cumpre con todos os requisitos e tamén “queremos que a Xunta saiba que temos o apoio do sector”, explicou a Concelleira de Economía.

A subvención solicitada ascende a 150.000 euros para un proxecto presupostado en 390.000 euros, que se adxudicará previsiblemente no mes de xullo e estará rematado neste ano.