Imprimir

O TRIBUNAL ADMINISTRATIVO CENTRAL DESESTIMA OS RECURSOS DE TRES EMPRESAS DO GRUPO MONBÚS CONTRA O PLEGO DO SERVIZO DE AUTOBUSES URBANOS


2/7/2014 Este Tribunal Administrativo, con sede en Madrid, resolve a favor das teses do Concello de Lugo

Sonia Méndez destaca que a resolución proba que o Concello de Lugo e os seus funcionarios traballan ben


A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou hoxe de que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, con sede en Madrid, vén de resolver a favor do Concello de Lugo os recursos presentados por tres empresas do grupo Monbús contra os plegos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas para a contratación da xestión do servizo público de transporte regular de viaxeiros. Os plegos, elaborados polo Concello, foron recurridos polas firmas Empresa Monforte, Autobuses Urbanos de Lugo e Eleuterio López e Cia, todas elas vinculadas ó grupo Monbús, actual adxudicataria do servizo dos buses urbanos.

Sonia Méndez destacou que “a resolución é moi contundente, dá a razón ós pasos dados polo Concello e consideramos que supón un espaldarazo para a xestión municipal e para o traballo rigoroso que realizan os funcionarios deste Concello cada día”.

“Un tribunal neutral, alleo á cidade de Lugo, situado a máis de 500 kilómetros, acredita que o Concello e os seus funcionarios traballan ben”, salientou Méndez, que se felicitou por esta resolución e amosou o propósito da Administración Municipal de adxudicar canto antes este servizo.
 
A Concelleira de Economía lembrou que Concello tiña aberto un prazo para resolver dúbidas que se ían resolvendo públicamente a través da web municipal, no Perfil do Contratante, para que todos os licitadores tiveran acceso ás respostas e dispuxeran da mesma información no momento de facer as súas ofertas e, sen embargo, en lugar de agardar o licitador presentou o devandito recurso.

Na súa resolución, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais desbota eses recursos e levanta a suspensión do procedemento de contratación. Esta resolución é definitiva na vía administrativa e só pode ser recorrida na Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para o que hai un prazo de dous meses.

O Tribunal Administrativo Central argumenta que “ningunha das dúblidas prantexadas ten entidade suficiente para deducir das mesmas vulneracións directas de precepto algún nin tampouco a existencia de omisións ou imprecisións tan graves que determinen a imposibilidade de formular oferta como afirma o licitador. Así resulta da mera leitura das impugnacións prantexadas -que chegan á nimiedade de considerar relevante a inconcreción de si para medir a extensión en páxinas dunha memora ten que contarse unha ou dúas caras-…”.

Na resolución, o Tribunal lembra que “a facultade interpretativa xeral, de aclaración de dúbidas, está atribuída ós órganos de contratación” e sinala que, a pesar delo, “e sen agardar a súa contestación interpuxo o recurso, convertendo o que eran meras dúbidas interpretativas en vicios dos plegos ós que califica sen argumentalo como causas de nulidade radical”.

Asimesmo, afirma que se trata “de cuestións que se resolven mediante unha interpretación lóxica, gramatical e sistemática das cláusulas e prescripcións, mesmo algunhas coa lectura atenta e precisa das mesmas, interpretación que puido e debeu realizar o licitador, no seu caso, co auxilio do órgano de contratación formulándolle consulta, sen acudir á intervención deste órgano revisor aducindo invalideces inexistentes e non fundamentadas”.