Imprimir

O CONCELLO DE LUGO INSTALARÁ NOVAS PANTALLAS TÁCTILES EN CATRO DOS MUSEOS MUNICIPAIS CON NOVAS APLICACIÓNS MULTIMEDIA


4/7/2014 Esta instalación faise dentro do programa Muralla Dixital co que se pon en valor o patrimonio municipal

O Concello de Lugo vai a instalar cinco pantallas táctiles en tres espazos museísticos da cidade nas que se poderá consultar e traballar con diferentes aplicacións multimedia que reconstrúen pezas do pasado romano da cidade.

Así, a Sala de Exposicións Porta Miñá, contará cunha pantalla táctil de 32 pulgadas que conterá a aplicación multimedia da Ruta Transfronteiriza das cidades/vilas amuralladas (xeoportal) e tamén o Catálogo Arqueolóxico Virtual do Lugo Romano.

No Centro Arqueolóxico de San Roque instalarase unha pantalla táctil das mesmas dimensións coa aplicación multimedia da Ruta Transfronteiriza das cidades/vilas amuralladas (xeoportal) e tamén as aplicacións sobre o mundo funerario e a actividade oleira no Lugo Romano.

O Centro de Interpretación da Muralla contará coa terceira pantalla táctil na que se poderá consultar a Ruta Transfronteiriza das cidades/vilas amuralladas (xeoportal) e a aplicación multimedia sobre a Muralla Romana de Lugo.

Tamén se instalarán outras dúas de pantallas de 46 pulgadas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) que contarán coa aplicación multimedia da Ruta Transfronteiriza das cidades/vilas amuralladas (xeoportal) e tamén co interactivo multimedia sobre a Evolución Histórica e Urbana da cidade de Lugo.

O investimento conta cun orzamento de 21.398,85 euros, a cargo do proxecto Muralla Dixital, que conta con financiamento da Unión Europeo e no que participan as cidades de Lugo, Monçao, Melgaço e Valença do Minho, xunto coa Universidade de Santiago e os colaboradores tecnolóxicos Ineo e CCG.