Cargando....
Concello de Lugo
30/05/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo explicará no Xulgado que se viu obrigado a contratar a Tragsa para limpar os puntos en risco sanitario que cada día detecta a Consellería de Sanidade


# Venres, 04/07/2014
O Concello tivo que contratar a Tragsa para garantir a saúde pública, ameazada polo incumprimento dos servizos mínimos na folga de limpeza

O Goberno local tamén lle abriu un expedente sancionador á empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza e recollida do lixo

O Concello de Lugo responderá no Xulgado da decisión do Goberno local de contratar á empresa Tragsa para facerlle fronte ó risco sanitario que está a provocar na cidade o incumprimento dos servizos mínimos decretados mentres se prolongue a folga do lixo.

O Concello de Lugo recibiu hoxe unha comunicación do Xulgado do Social, que cita á representación da Administración municipal para o día 6 de agosto a un acto de conciliación previo ó xuizo que se celebraría ese mesmo día en caso de non haber avenencia.

Esta citación é consecuencia da demanda que presentaron os traballadores de Urbaser contra o Concello de Lugo pola contratación da empresa Tragsa, que se produciu, como xa se ten informado en numerosas ocasións, para facerlle fronte a unha situación de risco sanitario producida polo feito de que se están a incumprir sistemáticamente os servizos mínimos decretados e mesmo a retirada do lixo nos puntos en situación de alerta sanitaria.

Desque comezou a folga do lixo e visto o incumprimento dos servizos mínimos establecidos, o Goberno local tomou a decisión de contratar esta empresa pública para asegurar a limpeza de todos os puntos en situación de alerta sanitaria, tanto os situados na zona urbana como nas distintas parroquias de Lugo, en cumprimento das instrucións que recibe a diario da Consellería de Sanidade.

O Concello de Lugo está obrigado a garantir a saúde pública coa eliminación do lixo acumulado no elevado número de puntos nos que a única autoridade competente, a Consellería de Sanidade, decreta cada día a alerta sanitaria. Por parte do Concello comunícase á Delegación Territorial de Sanidade, por petición expresa desta, todos os avisos de cidadáns sobre eventuais puntos en risco que se reciben na Administración municipal, pero son os inspectores do Servizo de Control de Riscos Ambientais os únicos que teñen a capacidade para comprobar se existe ou non tal alerta sanitaria.

Diante desta situación, e ademais de contratar a empresa Tragsa, o Concello de Lugo iniciou un expedente sancionador á empresa Urbaser, que é con quen mantén a concesión do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria.

Por parte da concesionaria non se procedeu nin un só día á limpeza viaria dende o comezo da folga, na medianoite do 9 ó 10 de xuño.

O Concello de Lugo esixiu en numerosas ocasións ás dúas partes en conflito que lle dean solución de inmediato a unha folga na que os veciós e o Concello de Lugo son os verdadeiros perxudicados.

O Goberno municipal está a facer un seguemento diario e permanente deste conflito, para garantirlle ós veciños, que é a quen se debe o Concello, as condicións mínimas de salubridade e elo asegurando que ningunha das medidas que adopta vulneran, de ningún xeito, o lexítimo dereito á folga dos traballadoras.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova