Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Gabriel Tizón imparte mañá na Casa da Xuventude de Lugo unha clase maxistral de fotografía social


# Martes, 15/07/2014
A entrada é gratuíta e poderá asistir calquera persoa interesada na fotografía

A Casa da Xuventude acolle mañá, a partir das 19 horas, e de maneira gratuita unha clase maxistral de fotografía social impartida por Gabriel Tizón en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Esta actividade encádrase na segunda edición do concurso Imaxes con Fondo, coa idea de promover a participación e mais a reflexión sobre os contidos das imaxes e o mundo que constrúen.

Baixo o título Compromiso coa mirada, as sesións parten da análise de traballos realizados en diferentes países e na nosa contorna, para avaliar logo como, cando e ata onde se pode chegar coa cámara na vida das persoas. Ademais de nocións básicas sobre composición, tratarase de educar a mirada para destacar o motivo da fotografía e o seu obxectivo e incluíndo a proposta de novos soportes expositivos. Terase en conta a visibilización de diferentes realidades e onde comeza o compromiso da autora ou autor con elas.

Gabriel Tizón ten experiencia en catro continentes e a súa obra foi recoñecida con diversos galardóns. Formou parte do xurado da primeira edición de Imaxes con Fondo e na actualidade traballa para El País e distintas axencias de noticias. As súas clases maxistrais desenvolveranse en nove concellos socios do Fondo Galego, con público adulto e con estudantes de Bacharelato. A asociación municipalista promove ademais sete obradoiros de fotografía social para alumnado de Secundaria, neste caso a cargo de Rober Amado, gañador de Imaxes con Fondo en 2012 e do premio Tiflos da ONCE.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova