Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo agarda desde maio que o reciba o Presidente da Xunta


# Mércores, 16/07/2014
Feijóo non contesta á petición de entrevista para tratar do deterioro que sofre o Cuartel de San Fernando mentres o Concello continúa facéndose cargo dos traballos máis urxentes no inmoble

 Luis Álvarez pregúntalle a Feijóo como é que ten cartos para asumir compromisos en Santiago e non ten nada para Lugo


O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, recordoulle hoxe ó Presidente da Xunta que o Alcalde de Lugo agarda desde maio por unha entrevista para facerlle fronte ó deterioro do Cuartel de San Fernando. 

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mandoulle unha carta ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solicitando unha entrevista urxente para tratar sobre o estado de abandono do Cuartel de San Fernando, a pesar de que o inmoble é a futura sede do Centro da romanización e está catalogado como Ben de Interese Cultural. López Orozco envioulle a carta a Núñez Feijóo o 28 de maio pasado e aínda hoxe non tivo resposta. 

O Voceiro do Goberno local lembroulle a Núñez Feijóo que aínda non contestou á solicitude da entrevista e, mentres, o Concello de Lugo tivo que valar o Cuartel de San Fernando por motivos de seguridade, fixo un estudo das obras máis urxentes para consolidar o inmoble -que teñen un custe avaliado en 180.000 euros-, desbrozou a maleza que medrara no patio e, onte mesmo, unha brigada municipal comezou os traballos para protexer os restos arqueolóxicos atopados no interior do edificio. 

Luis Álvarez chamou a atención sobre o desinterese da Xunta de Galicia respecto da cidade de Lugo mentres “soubemos pola prensa que o Presidente Feijóo lle prometeu onte ó novo Alcalde de Santiago investimentos de 2 millóns de euros para a Catedral compostelá, 2,3 millóns de euros para o convenio da Capitalidade de Galicia e ata un proxecto para crear un bosque autóctono de 23 hectáreas no contorno da Cidade da Cultura”. 

“Celebramos que se produzan eses investimentos en Santiago, non temos nada que dicir sobre elo, pero si nos preguntamos se hai cartos para Santiago como é posible que non os haxa para Lugo?”, preguntouse o Voceiro do Goberno local e destacou que “a Xunta terá que explicar cómo é posible que haxa cartos para plantar carballos alí e non os ten para apuntalar un edificio protexido que se pode desplomar”.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova