Imprimir

O CONCELLO DE LUGO AUMENTOU UN 5% O GASTO POR HABITANTE PESE A REDUCIR A DÉBEDA E O ESFORZO FISCAL DOS CIDADÁNS, SEGUNDO REFLICTE A CONTA XERAL DE 2013


17/7/2014 Sonia Méndez destaca que 2013 “foi un bo ano para a economía do Concello de Lugo” 

O Concello adxudicou hoxe catro obras para as que recibiu 118 ofertas


A Concellería de Infraestruturas investirá 739.168 euros en actuacións que comezarán este verán na Ronda das Fontiñas, Monte Adairo e Pía Paxaro, Rosende e a ponte do Mera

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou hoxe de que o Concello de Lugo aumentou un 5% o gasto por habitante o ano pasado, pese a reducir a débeda e tamén o esforzo fiscal dos cidadáns. Así o reflicte a Conta Xeral de 2013 que se vai presentar mañá na Comisión especial de Contas do Concello.

Sonia Méndez fixo públicos os principais datos que recolle a Conta Xeral de 2013, na que se pon de manifesto que o gasto por habitante do Concello de Lugo ascenderon a 832 euros mentres que os ingresos por habitante foron de 547 euros. Asimesmo, a Conta Xeral reflicte que o esforzo fiscal diminuiu en 2013 o 1,4% e a débeda do Concello tamén baixou, neste caso un 21%.

“Esto quere dicir que o Concello inviste nos cidadáns de Lugo máis do que teñen que tributar ó Concello”, explicou Sonia Méndez e tamén salientou que “estes datos poñen de manifesto que o Concello de Lugo está ben xestionado, ten as contas saneadas e somos quen de aumentar o gasto en políticas sociais, de prestar todos os servizos sen ningún recorte e de manter todas as instalacións sociais, culturais e deportivas, grazas a unha boa planificación e sen que lle repercuta á carteira dos veciños”.

Para Sonia Méndez “o truco para que nos cadren as contas é que os veciños non pagan máis impostos pero compensámolo buscando máis aportacións de fondos europeos e xenerando aforros e superávit todos os anos”. 

A Concelleira de Economía lembrou que en 2013 o Concello logrou obter un superávit de case 7 millóns de euros e destacou que “con estes aforros é co que podemos facerlle fronte a un importante plan de investimentos en 2014, mantendo un ano máis os impostos conxelados e sen contraer novos créditos bancarios”. 

“En conclusión, a pesar das dificultades, o ano 2013 foi un bo ano para a economía do Concello de Lugo”, destacou Sonia Méndez, polo que considerou que “teñen moito traballo os que levan tempo rascando para atopar algún dato negativo”. 

Investimento de 739.000 euros en catro obras 

Para este ano, destacou que o Concello aumentará os investimentos en obras. De feito, hoxe mesmo a Mesa de Contratación municipal adxudicou catro importantes obras para a cidade e a zona rural. Trátase das obras de rexeneración de pavimento e servizos en Ronda das Fontiñas (treito Carril de Caiñós-San Xillao), mellora do saneamento nas rúas Monte Adairo e Pía Paxaro, a construcción dunha estrutura sobre o río Mera e a rexeneración de pavimento en Rosende. 

Estas obras sairan a licitación cun presuposto inicial, en total, de algo máis de máis de 1 millón de euros e foron adxudicadas nun importe global de 739.168 euros, o que representa un aforro do 30%.

En total o Concello recibiu 118 ofertas de empresas para executar estes catro proxectos o que, tal e como explicou Sonia Méndez, “obrigou ós servizos municipais a facer un exhaustivo traballo e adicar moito tempo para realizar a selección das mellores propostas, pero tamén significa que as empresas confían nos procedementos de contratación do Concello de Lugo”.

O Concello recibiu 31 propostas para executar as obras de rexeneración de pavimento e renovación de servizos na Ronda das Fontiñas, no treito comprendido entre o carril de Caiñós e a rúa de San Xillao, obra que foi adxudicada, cun presuposto de 371.149 euros e un prazo de execución de dous meses, á empresa Construcciones Leonardo Miguélez S.L. O proxecto saira a licitación cun importe de 571.000 euros. 

Para a execución da estrutura sobre o río Mera presentaronse 19 empresas. O proxecto foi adxudicado, cun presuposto de 170.308 e un prazo de execución de dez semanas, á empresa Sanle. O prezo de licitación fora de 226.811 euros. 

Outras 26 propostas foron presentadas para o contrato das obras de rexeneración de pavimento en Rosende. Neste caso, a obra adxudicouse en 109.142 euros e cun prazo de tres meses, á empresa Construcciones Taboada y Ramos S.L. O proxecto saira a licitación cun presuposto de 140.651 euros.

Ademais, o Concello recibiu 42 ofertas para executar as obras de mellora da rede de saneamento nas rúas Monte Adairo e Pía Paxaro. A adxudicación fíxose cun presuposto de 88.569 euros e un prazo de execución de tres meses á empresa Contratas y Obras Públicas Mecuma S.L.U. O proxecto convocárase cun presuposto de licitación de 138.108 euros.