O Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá, Manuel Núñez, reuniuse esta tarde con representantes do tecido asociacitivo de Lugo para informar da convocatoria das subvencións que concede o Concello ás asociacións de carácter veciñal, profesional, educativas e de medio ambiente.
No encontro, que tivo lugar na sala de xuntas do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, o Concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá presentou as bases para a concesión destas subvencións, que se poden solicitar ata o día 18 de agosto. A esta xuntanza foron convocadas as asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.
O Concello adica este ano unha partida de 45.500 euros a estas axudas ó movemento asociativo, nunha convocatoria de subvencións destinada a contribuir a que as asociacións desenvolvan programas e actividades de interese xeral en réxime de concorrencia competitiva.
O Concelleiro de Servizos Xerais explicou que algúns dos criterios de valoración será o número de persoas integrantes da asociación e no caso de ser unha federación o número de asociacións coas que contan, a antigüidade da asociación, a porcentaxe de mulleres na directiva, ter un local propio ou alugado, explicación detallada do proxecto e, especialmente, o interese xeral do proxecto no que se primará os que estén referidos ás condicións da saúde e do benestar con especial protección á terceira idade e ás persoas desempregadas.
Nas bases tamén se explica que quedan excluídas desta convocatoria as asociacións ou entidades que durante o exercicio 2014 perciban outra subvención municipal para o desenvolvemento do mesmo ou diferente programa, a excepción das axudas para a celebración das festas do Lume Novo, que serán compatibles con estas subvencións. Ademais este ano exclúense asociacións de consumidores porque poderán participar das subvencións nominativas.
O importe máximo das subvencións é de 3.000 euros e establécese como data límite para a presentación da documentación e as facturas xustificativas o día 30 de decembro.